O mundo da cultura galega despide a un «home xovial, elegante e de boa escrita»

RODRI GARCÍA A CORUÑA

TELEVISIÓN

XURXO LOBATO

Marino Dónega foi redactando unhas memorias que, segundo Carlos Casares, «dan para facer un libro» «¡Non me digas! Morreu Marino ... Sabía que estaba mal pero estas cousas nunca pensas que van pasar». As xentes da cultura recibían na tardiña de onte a nova. A primeira lembranza era a dunha voz esgazada, case inaudible, e un sonriso, ou ás veces unha gargallada, dun galeguista retranqueiro e irónico. Era, en palabras de Salvador García Bodaño, «o sorriso do galeguismo». Hai pouco menos dun ano dicía en La Voz de Galicia: «Empecei unhas memorias, pero ando desmemoriado». De tódolos xeitos, deixounas escritas.

02 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

«Ti como ris de todo, así estás de ben», contaba Marino Dónega que lle dicía Francisco Fernández del Riego cando os dous xa pasaran dos oitenta anos. Onte, o presidente da Real Academia Galega estaba «impresionadísimo» pola morte «dun gran amigo, un home que consagrou toda a súa vida a Galicia». A voz de Del Riego delataba o seu pesar pola desaparición dun home que era «asíduo ós actos da Academia». Don Paco califica o finado como «bo escritor, aínda que cunha obra breve e cun xeito de escribir moi particular». Elegante «Era un home moi elegante espiritualmente, cun estilo depuradísimo de escribir, pero escribiu moi pouco», lamentaba Carlos Casares, nada máis coñecer a noticia, onte, pouco despois da posta do sol. Lembraba que cando Marino Dónega recibiu o premio Trasalba recolleuse case todo o que tiña escrito nun libro. Ademais de salientar a presencia de Dónega no Consello da Cultura Galega, «paréceme que desde a súa constitución», Casares dicía que «levaba anos traballando nunhas memorias que eu lle pedira». Conta tamén Carlos Casares que, nun ambiente de certa sorna («eu metíame con el dicíndolle qué facía aquí un andaluz»), e «como se pensara que eu non me fiaba cando me decía que estaba escribindo as memorias», non hai moito tempo que Marino Dónega amosoulle a Casares todo o que tiña escrito. O presidente do Consello da Cultura Galega pensa que os folios redactados por Marino Dónega «dan para facer un libro» e insiste en que «están moi ben escritos». Tamén fala do vencellamento de Dónega con Galaxia, xa que foi presidente da entidade, sustituindo no cargo a Domingo García Sabell. Logo tería que dimitir debido, precisamente, a problemas de saúde, sendo sustituido por Xaime Isla Couto.