Sentida homenaxe a Rosalía dos poetas reunidos en Compostela

CONCHA PINO SANTIAGO

TELEVISIÓN

ANXO ABALO

A nova poesía galega inaugurou no Auditorio de Galicia as «Madrugadas de espectáculos poéticos» A literatura galega foi obxecto dunha homenaxe, personificada en Rosalía de Castro, por parte dun grupo de poetas reunidos en Compostela atendendo á chamada do PEN Clube. O acto tivo lugar en Padrón. Este feito simbólico ten hoxe unha segunda parte na illa de San Simón, no monumento ós poetas medievais da ría de Vigo. Mentres, en Santiago segue o encontro só entre poetas galegos, autores que demostrou a súa capacidade de renovación na chamada «Madrugada de espectáculos poéticos» que se celebrou onte.

23 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Ó acto na Casa de Rosalía en Padrón foron trece dos poetas que asisten á Celebración mundial da poesía, que remata hoxe cunha actuación dos gaiteiros do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (Igaem). Os premios Nobel Derek Walcott e Wole Soyinka foron os encargados de facer unha ofrenda floral á autora de Follas Novas; estiveron acompañados pola rusa Bella Akhmandulina e o presidente do PEN internacional, Homero Aridjes. Os tres tomaron parte no recital en honor de Rosalía, o que arrancou emotivos aplausos á poeta rusa cando dixo «quero dedicarlle a miña voz a Rosalía». O mesmo fixeron José Ramón Trujillo, Brines, Francisco Zamora, Vicenç Llorca, Brossard, Aridjes, Tomlinson e Novanceau. Alonso Montero fixo un resumo biográfico de Rosalía e lamentou que a poesía teña menos peso ca prosa, comparando a precariedade da fundación rosaliana coa de Cela, tamén con sede en Padrón. Pola noite tivo lugar no Auditorio de Galicia un dos actos máis agardados do encontro: as Madrugadas de espectáculos poéticos, que abriu Chus Pato coa montaxe sobre a emigración alemana. Seguiron Carmen Krukenberg, con Jazz espido, Cristal Méndez, María do Cebreiro e Abelardo Rábade, Carlos Santiago, Antón Reixa, que mixturou audiovisual e plástica cos poemas, Ana Romaní e Antón Lopo con Lob*s, Estevo Creus, Lino Braxe con parte da montaxe O canto da serpe, e pechou Iolanda Castaño con Edénica.