Patrocinado por:

Twitter xa pía en galego

La Voz

OCIO@

A rede social xa está dispoñible desde onte en lingua galega

21 feb 2013 . Actualizado a las 21:26 h.

Twitter xa comezou por fin a falar galego. En setembro a rede social anunciou, a través do perfil oficial do seu tradutor, que ía incorporar dezaseis novas linguas ao seu sistema, entre elas o galego. Onte fíxose realidade e o galego únese así ao catalán e ao eusquera, que xa estaban dispoñibles.

En setembro o tradutor da rede social pediu axuda, a través do seu blog oficial, a todos aqueles dispostos a colaborar no seu servizo, que tiveron que inscribirse no Centro de Tradución para axudar a crear a versión galega de Twitter. Ademais do galego, Twitter incorporou outras linguas como o irlandés, o serbio ou o romanés.

Esta versión de Twitter en lingua galega chega despois dunha intensa campaña na comunidade galega. A mediados de xuño, miles de usuarios demandaron poderen empregar a ferramenta no idioma de Galicia. A través da etiqueta #TwitterQuereGalego esixiron que se fixera caso do que consideraban «unha necesidade e un dereito».

Outra campaña para pedir Twitter en galego foi a etiqueta #férvemeosangue, que se converteu nun dos temas máis comentados do momento (trending topics), apoios que se sumaron a unha intensa campaña posta en marcha polo usuario @tweet_en_galego para que a rede do paxariño non se esquecese da lingua de Galicia. Agora xa é unha realidade. Twitter xa pía en galego.