Bruxelas avisa que a certificación electrónica da pesca veu para quedarse
PESCA Y MARISQUEO
Ve positiva a chegada do sistema Catch e traballa para corrixir os erros
17 jul 2026 . Actualizado a las 04:45 h.Medio ano despois da súa entrada en vigor, o sistema dixital Catch, de certificación de capturas, segue a ser detestado polo sector. A Comisión Europea, porén, está satisfeita co seu funcionamento, como defendeu na última Comisión de Pesca da Eurocámara. Segundo Bruxelas, a maioría dos problemas xa están resoltos e achacan as deficiencias ao sector e aos Estados membros.
A directora de Asuntos Xerais pesqueiros da DG Mare (Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca), Carmen Preising, amosou a satisfacción do Executivo comunitario cos seis primeiros meses do sistema Catch, deseñado para loitar contra a pesca IUU (ilegal, non reportada e non regulada). Segundo o Executivo comunitario, neste semestre rexistráronse 73.000 declaracións de importacións co novo sistema. «Permite á Unión protexer mellor o seu mercado, previr a venda de peixe de procedencia ilegal e liderar a loita mundial», explicou unha Preising que tamén defendeu que, ao ser electrónico, contribúe á simplificación da burocracia. «Temos o compromiso de que o sistema funcione e imos nese camiño».
Dende a Comisión recoñecen problemas denunciados o sector, pero os ven como normais no comezo dun sistema común. Amais, defenden que xa levan nove actualizacións do programa para corrixir erros identificados. Bruxelas tamén culpa destes fallos ao sector e ás autoridades nacionais, ás que lles piden máis esforzos para adaptarse e lles recordan que tiñan dispoñibles os formularios dous anos antes da entrada en vigor de Catch. «A súa efectividade depende moito da súa implementación responsable e completa polos importadores e as autoridades nacionais», explicou Preising. Malia isto, a representante comunitaria valorou «os esforzos dos operadores e as Administracións nacionais» para superar os problemas.
Sobre a aplicación por terceiros países, Preising eloxiou a interoperabilidade de Catch con socios como Noruega, Islandia ou o Reino Unido. Segundo os seus datos, máis do 30 % das declaracións de importacións chegaron destes outros sistemas compatibles. Tamén anunciou a extensión, ata o 30 de novembro, dos acordos de flexibilidade e dos formularios especiais para os Estados Unidos, Canadá, Noruega, Sudáfrica, Nova Zelandia, Islandia e as illas Feroe.
Ao eurodeputado popular Francisco Millán Mon chámalle a atención tanta diferenza entre a Comisión e a opinión do sector sobre Catch. «O sistema sigue xerando dificultades. Recoñecen que as cousas van menos mal, pero boa parte do proceso segue a ser manual», denunciou o pontevedrés, que tamén criticou os problemas con terceiros países. «Se hai problemas con Noruega ou Canadá, que pasará con China ou Mauritania».
O primeiro semestre de Catch non foi o único asunto que os eurodeputados trataron. Nun foro de boas prácticas pesqueiras, Millán Mon puxo o exemplo da sardiña ibérica como mostra de que, segundo el, «unha xestión pesqueira eficaz non ten que implicar o peche de pesqueiras». Tamén se presentaron as prioridades para o mar da presidencia irlandesa do Consello, un debate no que Ana Miranda destacou os vencellos históricos e económicos entre Galicia e Irlanda e pediu «un orzamento ambicioso e unha política e unha política pesqueira que beneficie ás comunidades».