A pesca, unha oportunidade económica para Galicia
PESCA Y MARISQUEO
O sector primario, no que se atopa a pesca, presenta varios retos que debemos afrontar dende a perspectiva que supón entender a actividade marítimo-pesqueira como unha oportunidade económica para Galicia. Trátase de optimizar os recursos mariños para que se volva a recuperar a rendibilidade e a gran importancia social que sempre tivo este sector nunha comunidade coma a nosa que historicamente mirou ao mar e á súa xente con orgullo, e coa convicción de que falar de Galicia é falar, necesariamente, dos seus pescadores, do seu marisco, do seu peixe e de todo un valor que fai que a súa aportación ao PIB sexa do 4,8%, cun Valor Agregado Bruto (VAB) vinte cinco veces superior á da pesca da Unión Europea e máis de seis veces á de España.
Isto obríganos a xogar ben as cartas tamén dende a Administración, á hora de por en valor un sector que é resiliente por natureza e é un provedor excelente de alimentos saudables, con alto contido proteico. En definitiva, a pesca ten que ser, indiscutiblemente, unha actividade prioritaria da economía azul. Basta con lembrar que nove de cada dez actividades económicas de Galicia están ligadas á nosa cadea mar-industria. Galicia ten así unha enorme oportunidade para consolidar este sector como un dos máis estratéxicos da nosa economía.
Por tanto, o que nos ten que preocupar e ocupar, tanto ao sector público como ao privado, é apostar por unha xestión económica e medioambientalmente sostible, e na que a innovación camiñe da súa man. E é que, ademais, só así seremos capaces de garantir outros dos principios básicos e cada vez máis necesarios, como é a soberanía alimentaria.
Por este motivo, recoñezo que estou bastante esperanzado co futuro que se abre en Europa co nomeamento do novo Comisario. Unha boa xestión funciona cando esta se traduce en beneficios ambientais, económicos e sociais e, lamentablemente, no mandato anterior non foi así. Non obstante, e como se trata de mirar ao futuro, este só se pode enfocar dende a proactividade e non dende a reactividade. Se queremos un sector marítimo-pesqueiro competitivo debemos artellar as ferramentas precisas para enfrontar con éxito os desafíos presentes e futuros. Isto lévanos a centrar o foco en que a cadea mar-industria e os distintos Gobernos con competencias temos que ter altura de miras e impulsar políticas que revertan nun impulso dos mercados e en beneficios fiscais para un sector no que o relevo xeracional é outro dos seus retos inmediatos.
GALICIA SABE AMAR e Galicia ten que seguir sabendo a mar. Traballemos, pois, para que así sexa.