Hai que destacar o papel dos rendistas e dos emigrantes no despegue da frota pesqueira de Burela. No 1968 construíronse ata nove embarcacións
30 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Cando no porto de Burela fondeaba xa un considerable número de barcos e lanchiñas, cómpre preguntarse que medios empregaron os seus propietarios para se faceren con eles. O diñeiro necesario obtíñase grazas a unha economía fundamentada nun aforro exhaustivo, na que a muller do mariñeiro era a principal protagonista. As mulleres traballaban na casa e cultivaban a terra, tiñan sempre gando miúdo e procuraban ter tamén algún boi ou vaca (en todas as casas labregas e mariñeiras había unha burra, dado que eran moi mansas e fáciles de cargar). Cos cartos que lles reportaba a agricultura, as mulleres conseguían, “máis ou menos”, aforrar o salario que os maridos gañaban no mar, e que lles serviría para chegaren a ter barcos de seu.
Esta resposta peca dun marcado simplismo aínda que sexa totalmente certa. Todo axudaba e todo chegaba a pouco cando se trataba de executar a tarefa nada sinxela de adquirir un barco. O procedemento baseábase nun sistema de “alianzas de palabra” entre varias persoas. Xeralmente, xuntábanse mariñeiros que facían un bo equipo e que gozaban de certa reputación, por exemplo: un patrón, un maquinista e un mariñeiro.
Estas persoas desprazábanse ata os concellos e parroquias do interior como Ferreira do Valadouro, Alfoz, San Román de Vilaestrofe e Rúa coa intención de pedir préstamos ás casas fortes de labranza.
O obxectivo destas asociacións de profesionais era xuntar nombramientos para non ter que pagar quiñóns por “despachar”. Incluso nalgúns casos, incorporábase un contramestre (neverista ou cociñeiro). O aforro que supoñían os tres quiñóns do patrón máis 2 quiñóns do motorista máis medio quiñón do neverista e o cociñeiro destinábanse a pagar o barco.
Para a concesión destes cartos foron fundamentais as figuras de Ramón Canoura, banqueiro de Ferreira do Valadouro, e de Antonio Cao, o Fidalgo, que fora emigrante e posuía unha tenda en Burela. Este último adoitaba acompañar os mariñeiros cando ían pedir os cartos. Os prestamistas preguntaban simplemente se eran formais, e a súa palabra abondaba para que lles dispensasen o diñeiro. Hai que resaltar, xa que logo, o importante papel que tiveron os rendistas no despegue da nosa frota pesqueira.
Igual de relevante foi a función desempeñada polos emigrantes, posto que as remesas de diñeiro que enviaban deron pé á creación de entidades bancarias a partir de comerciantes e casas de banca nas principais vilas mariñás como Viveiro, Foz, O Valadouro, Mondoñedo, Ribadeo e A Pontenova.
A partir de 1946 incrementouse en Burela o número de empréstitos concedidos a armadores para a construción de novos barcos. As cantidades oscilaban entre as 10.000 e as 150.000 pesetas, sendo a entidade responsable da súa xestión a Caja Central de Crédito Marítimo. No libriño das festas de 1947 figura como patrocinador o Banco Hispano Americano, a quen acompaña no de 1951, a sociedade Ramón Canoura y Cia. Nos anos sesenta e setenta facíase publicidade nestes libros da Caja de Ahorros y Monte de Piedad de La Coruña y Lugo, o Banco Pastor e o Banco de La Coruña, ata facelo nos anos oitenta, Caixa Galicia.
Estas novas embarcacións que chegaban ao porto burelao eran bacas de arrastre, feitas todas elas de madeira (“Basanta”, “Zoraída”, “Rápido 3”, “Piñeiro”, “Audaz”...) e procedentes da zona de “leste” (Cantabria e País Vasco); unhas de nova planta e outras mercadas de segunda man a armadores de Ondarroa e Bermeo, con quen os mariñeiros galegos sempre mantiveron boas relacións comerciais.
En 1956, o Pósito de pescadores acepta poñer en marcha a Cooperativa del Mar, que tiña entre os seus obxectivos axudar na reparación e construción de embarcacións, así como conceder créditos e anticipos.
Pechábase así un primeiro ciclo ou quenda de progreso no mundo do mar, ao tempo que se abría unha segunda, a mediados dos anos sesenta. Atraída por un incesante movemento de barcos e operacións bancarias, instaurouse unha sucursal da Caja de Ahorros de La Coruña y Lugo en 1965, para a que foi nomeado delegado Ginés Mon, natural de Burela e piloto da Mariña Mercante que impartira aulas na Escola de Formación Náutico-Pesqueira.
A súa axuda ás iniciativas que se lle presentaban por parte de particulares e empresas enseguida se fixo notar, constituíndo un factor determinante para o desenvolvemento da vila. O seu decidido apoio ao sector pesqueiro fixo que a finais dos anos sesenta se incorporasen novos barcos, chegando a construírse nun só ano (1968) ata nove embarcacións. Chegaron ao porto todas á vez, procedentes dos estaleiros de Foz, San Cibrao e San Esteban de Pravia, e case non había onde atracar, de aí que o noso porto estivera sempre en constante ampliación.
A boa xestión profesional e aposta persoal de Ginés Mon foron decisivas para a concesión de créditos encamiñados á renovación e transformación dunha frota de nova construción ?frota nova-, que a comezos dos anos setenta, empezou a incorporar o ferro. Tamén mediou para que o Instituto Social da Mariña (ISM) abrise en Burela unha oficina e unha consulta médica.
Deste xeito, coa axuda da Caixa de Aforros e o ISM, que prestaban o 50 % do valor do barco máis o 10 % a fondo perdido, unha nova xeración de xente do mar animábase a converterse en armadores. E de se presentaren dificultades, técnicas ou conxunturais, o ISM retrasaba as amortizacións, encargándose disto último o cervense —natural de San Cibrao— Modesto Rivera. Posteriormente, Ginés Mon, como responsable da Aula del Mar de Caixa Galicia, levou a cabo visitas experimentais a países como Dinamarca ou Francia para que os nosos mariñeiros coñecesen e aprendesen o que noutros países se estaba a experimentar no mundo da pesca. Creou tamén encontros empresariais e foros de formación que foron o xermolo do Instituto Tecnológico Empresarial de Caixa Galicia.
Non obstante, a pesar destes adiantos crediticios que ofrecían as sucursais bancarias, seguía a haber mariñeiros que preferían “ir polas casas”, e neste labor destacou a figura de Perfecto Rodríguez (Ferrería). Era o encargado da empresa Barras Eléctricas e gozaba de creto entre a veciñanza. Ía cos amigos á parroquia de Santa Cilla do Valadouro onde prestaban o diñeiro sen apurar nunca nas amortizacións. Pagábanse os intereses anuais levando a maiores un bonito ou unha pescada para a familia prestamista e íase amortizando a débeda aos poucos.
E tamén podían deixar diñeiro amigos e veciños, destacando o caso anecdótico de quen prestou 500.000 pesetas a condición de que o levasen ao mar porque quería gañar o quiñón do bonito. Nunca antes embarcara nin nada sabía das artes de pesca pero non podían deixalo en terra despois da considerable aportación que fixera. Acostumouse enseguida á vida mariñeira e fixo dúas costeiras de bonito.
Aínda que de forma indirecta axudaron á renovación da frota dúas entidades que se combinaron entre si: a Promoción Profesional Obrera (PPO) e a Caixa de Aforros, que posibilitaron a formación de patróns. Os cursos do PPO formaban a soldadores, electricistas, patróns, oficinistas, etc. Tratábase dun programa de formación profesional para o emprego, vixente entre 1964 e 1978, que empregaba unha metodoloxía indutiva, é dicir, abordábase directamente a formación práctica e, ao fío da mesma, proporcionábase a información teórica imprescindible para a capacitación.
Unha vez que estaban preparados os futuros patróns, primeiro por Ginés e despois por Benigno Beltrán, que fora compañeiro seu na escola de náutica, tiñan que ir examinarse a Pasajes (Pasaia-San Sebastián) correndo a Caixa cos gastos da viaxe e sufragando tamén todo o material que os alumnos necesitaban para o curso. En 1974 presentáronse varios rapaces burelaos, acompañados polo seu profesor (Benigno Beltrán). Nestas estaban cando se lles “atragantou” unha cuestión do exame. O máis atrevido preguntou varias veces e coas explicacións que lle deu o profesor encargado da proba beneficiáronse uns cantos. Anos máis tarde souberon que ese docente, que só lles levaba sete ou oito anos e que tan amablemente lles explicou a pregunta, convertérase no conselleiro de Pesca do primeiro goberno autonómico vasco. Co título na man e ben asesorados, comezaba a aventura de se faceren cun barco de seu. Adoitaban afirmar que só a Caixa parecía entender as necesidades do mundo da pesca.