Celeiro estrea pantaláns con 18 amarres para a baixura e 52 para a náutica recreativa
PESCA Y MARISQUEO
Portos investiu 650.000 euros nas obras recén rematadas
04 sep 2024 . Actualizado a las 09:30 h.Remataron as obras de ampliación de prazas de amarre para embarcacións profesionais e recreativas no porto de Celeiro (Viveiro), que con unha inversión de 650.000 euros da Xunta de Galicia permitiron a creación de 70. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou Celeiro e supervisou a actuación desenvolvida, acompañado polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez; o patrón maior de Celeiro, Domingo Rey, e o secretario, Máximo Díaz, entre outros.
As obras consistiron na dotación de 70 novas prazas de atracada. Para elo foi necesaria a instalación de pantaláns flotantes e a recolocación dun dos pantaláns deportivos existentes. Con esta actuación dáse cobertura ás necesidades de toda a frota profesional (3ª lista) e de recreo (7ª lista). Para a 3ª lista habilitáronse 18 novas prazas para barcos de baixura, con esloras entre 8 e 14 metros, e 52 para a náutica recreativa, embarcacións de 6 metros.
A día de hoxe estase procedendo a asignación das prazas de amarre en coordinación cos propios usuarios dos pantaláns, polo que as obras entrarán en servizo nos vindeiros días.