Domingo Fernández: «Indo ao bonito durmiamos catorce persoas en dous metros cadrados, cheos de fume e de salitre»
PESCA Y MARISQUEO
Foi mariñeiro, armador e patrón maior da confraría de Ribadeo; empezou no mar con 14 anos, «porque aquí nada máis había que miseria; na primeira costeira cobrei 11.311 pesetas»
03 ago 2024 . Actualizado a las 09:29 h.Domingo Fernández Fernández (A Devesa-Ribadeo, 78 anos) asegura que, 23 anos despois de xubilarse da pesca, aínda baixa á lonxa ribadense todos os días, ou alomenos de cada dúas xornadas, porque senón «fáltalle algo». O mar empapou a súa vida, como se soe dicir, de punta a chicote.
—Comezou con 14 anos.
—Falamos do ano 62. Aquí nada máis que había miseria e comezamos moi noviños, nada máis daban a libreta. Daquela non había outra cousa. Ou estudabas, ou para estudar non daba na casa pois eramos sete irmáns. E empecei no María Rita, un barco de Burela que faenaba ao bonito en parella co Pepe Juan. Meu pai andaba de botero dos barcos aqueles. Ía nun bote buscarlles o peixe para subastalo despois, do que se encargaban mulleres. A cambio recibía un lote. E pediulle ao patrón que puidese embarcar e así empecei. Iamos á zona da Coruña ou subiamos cara Irlanda.
—Como era o traballo dun neno na costeira do bonito dos anos 60?
—A nós colleunos unha época mala, e a dos nosos antepasados foi aínda peor. A pesca é similar pero hai moitos adiantos. Antes durmiamos trece homes en dous metros cadrados: os pés nun lado, as pernas noutro… Agora usas máquinas, daquela baixabas o peixe á neveira ti, e pasabas frío e había que poñer roupa de augas para picar xeo e conservar a costeira. E nada de ir ao servicio. Os nosos eran barcos de fuel, e deixábanche ducharte cando andabamos pola torre de Hércules. Tardábanos moito chegar. Con vintepico días de marea estabamos cheos de fume e de salitre, da cabeza ata os pés. Aquilo era unha guarrada, sinceramente, pero había que facelo para traer o peixe.
—Era lucrativo polo menos?
—Por así dicilo, ganábase pouco, e á vez ganábase moito para aquela época. O mariñeiros gañaban un quiñón e os pequenos medio. Eu apuntei que na primeira costeira cobrei 11.311 pesetas. Na segunda, 27.100. O diñeiro daba dependendo en que o gastases. Pero é certo que podías aforrar moito máis daquela con eses cartos que agora con salarios máis altos. A vida está moi cara, e quen teña que pagar un piso afógase.
—Logo comezou á baixura.
—Ao acabar a mili comecei a baixura. Polo menos lavábaste, porque comer non é que comeras moito. Andivemos moito tempo con meu pai, que tiña un barquín que se chamaba A Gaviota. Andabamos ao cerco. Na miña familia fomos sete irmáns, cinco homes e dúas mulleres, e todos os varóns andivemos metidos na pesca. Co máis vello, que morreu en abril, eramos inseparables, foi comigo á centola co gancho como se faenaba antes, cunha lupa ou espello. E despois xa tiven os meus propios barcos.
—Cambioulle a vida ao facerse empresario?
—Ser empresario é complicado. Ou tentas andar con todos para que vaia a cousa ben ou te quedas illado. A vida amósache as cousas, dáche paus e con eles aprendes.
—Por que cre que non hai relevo na pesca?
—A xente nova non quere a pesca: os decanos foron morrendo e os novos non quixeron máis que os desgüaces. A sociedade estalle a dar as costas ao mar, tamén no consumo de peixe… É un oficio que vai cara atrás. Agora van uns poucos barcos ao bonito en Burela, cando antes eramos unha frota duns 60. Paréceme que a xente de hoxe non quere botar tantos días fóra, aspira a gañar moito diñeiro pero facendo o menos posible. E iso que os barcos que teñen son hoteis comparados cos que tiñamos nós.
—Que é para vostede o mar?
—O mar foi o que me ensinaron e o que aprendín, e do que vivín toda a vida. Se non vou ao muelle fáltame algo. Onte díxenlle á miña muller que ía mercar unha lanchiña á miña bola. E díxome que non sabería nin entrar na lancha, á miña idade (ri). O mar engancha. Eu non teño fillos, e igual se os tivese sería doutra maneira, pero eu sinto non saír ás catro da mañá para ir coller luras. Non ir todo o día, pero si un ratiño. Podería ir porque teño un amigo que me presta unha lancha. Pero teño a idade que teño, e coñecer as limitacións dun é bo.
—Ribadeo foi históricamente un porto comercial moi importante. Tamén a nivel pesqueiro, pero neste eido comezou un declive que continúa.
—O porto de Ribadeo tivo unha época moi importante, tería eu uns 25 anos. Había moita frota. Cando empecei como patrón maior, aos seis meses, construíuse a lonxa nova e foi algo moi positivo, porque cando tes ferramenta podes traballar. Daquela había de todo, pero todo foi para alá: parouse de facer xeo, véndese pouco… Nestes casos pasa coma cos coches, se non os usas aos catro días non che andan.
—Que ten que ter un bo patrón maior?
—Ten que falar con todos. Eu nunca tiven problema con ninguén e aínda hoxe poido baixar pola lonxa, porque quedei ben con todo o mundo. Falando enténdese a xente e se había algo que arreglar facíase unha reunión e listo.