Patrocinado porPatrocinado por

O que falta saber

Gonzalo Rodríguez PROFESOR DE ECONOMÍA APLICADA USC

PESCA Y MARISQUEO

El elocuente gesto del eurocomisario Sinkevicius, titular de Medio Ambiente, Océanos y Pesca, conversando en Bruselas con el ministro español Luis Planas, quien lo instó, sin éxito, a suspender el veto a toda la pesca de fondo
El elocuente gesto del eurocomisario Sinkevicius, titular de Medio Ambiente, Océanos y Pesca, conversando en Bruselas con el ministro español Luis Planas, quien lo instó, sin éxito, a suspender el veto a toda la pesca de fondo OLIVIER HOSLET | EFE

05 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta semana tiven a oportunidade de presenciar un fenómeno inédito nos meus anos como investigador pesqueiro. Celebrouse en Salerno a reunión da Asociación Europea de Economistas Pesqueiros (EAFE), nesta edición centrada nos impactos da crise dos prezos da enerxía na industria dos alimentos mariños.

O que puidemos constatar é que as diversas flotas europeas están a sufrir unha acusada subida de costes que non é compensada polo moito menor incremento do prezo do pescado, resultando nunha erosión da rendibilidade que sitúa aos armadores nunha situación crítica.

Precisamente, a perda de poder dos consumidores a consecuencia da inflación está a levalos á procurar alimentos máis baratos que o peixe, lastrando calquera posibilidade de compensación por esta vía. Nunca antes observara un consenso tan pesimista na análise e no ánimo entre os economistas pesqueiros europeos. Tal vez entre os traballadores do mar, nunca no ámbito científico.

Desguace social e cultural

A consecuencia, se nada o remedia, será a desaparición dun número significativo de unidades de flota e a concentración das unidades restantes. Esta concentración representa o paso cara menos barcos, aínda que máis grandes, en empresas cada vez maiores, localizadas nun reducido número de portos que superen o proceso de loita pola supervivencia.

Nese escenario non so é de esperar que desapareza un numero importante de buques, senón tamén de comunidades pesqueiras. Non se volatilizarán as vilas, obviamente, pero a súa base económica, a súa impronta cultural, a súa identidade, o curso diario da vida xa non estará vinculado á pesca. Un desguace social e cultural impelido polo da flota. Tal vez, iso si, algún guía turístico decida caracterizarse de mariñeiro.

Existe capacidade

A escalada dos prezos enerxéticos, das materias primas e dos servizos, se engade a outros frontes paralelos na batalla para manterse á flote: a dificultade para completar tripulacións, a falta de relevo xeracional (que non se pode desligar do pesimismo imperante), á presión regulatoria ou a recente exclusión de toda a pesca de fondo en 87 zonas mariñas vulnerables. Un suma e sigue que parece non ter fin.

Non cabe ningunha dúbida de que existe capacidade técnica, científica e empresarial para saír de esta situación procurando un equilibrio razoable entre a sostibilidade económica, a social e a ambiental. O que falta saber é si existe vontade na DG Mare (Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca) e na Comisión de Medio Ambiente, Océanos e Pesqueiras da Unión Europea.