Patrocinado porPatrocinado por

Pesca galega: pouco interese para tantos intereses

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

PESCA Y MARISQUEO

XOAN CARLOS GIL

18 oct 2022 . Actualizado a las 04:50 h.

Levamos semanas intentando entender que aconteceu coa prohibición europea da pesca de fondo en 87 áreas do Atlántico. Folga repetir o que é coñecido sobre o papel económico da pesca en Galicia. Sabémolo e vivímolo. Intento entender como puido ser que pasara o que fatalmente pasou e o que dou entendido faime arrepiar. Do calidoscopio de declaracións políticas, decisións gobernamentais, desculpas públicas, escasas informacións científicas e protestas dos interesados, deduzo moita deixadez e falta de previsión en todo o asunto. Levan a pensar iso algunhas explicacións de expertos, profesionais e científicos, lidas entre liñas. En xeral, sobra tremendismo e falta ponderación con estratexia, como a que achegou Uxío Labarta nestas páxinas.

Sabemos que o asunto está sobre a mesa dende o 2016, que a prohibición —en determinadas condicións— era esperada e aceptada. Parece que faltaron informes científicos propios que poñer sobre as mesas de Bruxelas para guiar a decisión, pese a ter buques oceanográficos, organismos e centros de investigación capaces de elaboralos. Faltou presenza política do Goberno máis interesado, o de Santiago, e do Goberno con máis interlocución na Comisión, o de Madrid. Barrunto un exceso de confianza dos principais actores económicos do sector, dos máis interesados en defender a posición da pesca galega. Non abonda dicir que armadores e patróns son os primeiros interesados na sustentabilidade dos océanos. Ademais poden e deben demostralo. Semella como se faltara interese en defender os intereses. Descoidouse a presión, o lobi.

Sabemos a importancia que ten a pesca para Galicia, como deberamos saber que o complexo marítimo pesqueiro foi a chave da industrialización galega dende o século XIX. Non poden priorizarse tanto algunhas industrias de enclave —automóbil, celulosas, e outras dos últimos 70 anos— recentes en termos históricos, mentres se desatenden dolosamente aquelas endóxenas e polo mesmo tractoras e estratéxicas como a pesca. Unhas non son mellores que outras, pero a pesca —coma a téxtil ou a vitícola— son as que nos sitúan de modo vantaxoso no mundo dende que comezou a industrialización. Adaptarse aos cambios non casa mal con aproveitar a traxectoria que define os sectores produtivos en relación coas capacidades naturais —por situación ou condicións biofísicas— e as destrezas adquiridas ao longo do tempo —facer barcos, roupa, viño, pescar—.

En todo isto houbo moi pouca política, entendida como visión estratéxica de intereses colectivos, convertida en accións e normas para garantilos. Non a houbo na Xunta, onde debera habela mesmo por inercia, dada a importancia do sector; non podía agardarse do ministerio que adoito non pasa de Torrelodones, agás cando hai un desastre marítimo-pesqueiro como acontece. Que pensar dalgúns deses eurodeputados galegos que agora non paran de escribir —grazas a iso sabemos como se chaman— para botarlle a culpa a outros. A pregunta inevitable neste asunto: había alguén aí fóra?