
Remataron as espectaculares 25 Xornadas Técnicas de difusión do sector pesqueiro de Celeiro. Todos os temas que preocupan e ocupan ao sector foron tratados con rigor e profesionalidade por esa terma de poñentes á altura do que se merece o noso sector.
Lamentos e inquedanzas xúntanse en 3 días nesta terapia de grupo que para o sector tamén supón en certa forma este tipo de xuntanzas.
As ameazas en cernes sobre a actividade, clásicas e crónicas como os recortes de cotas, problemas para completar tripulacións, trabas burocráticas, impacto do cambio climático e outros axentes externos sobre os nosos mares e ecosistemas ou o encarecemento do combustible, sumáselle agora tamén, a fonda preocupación polos plans do Estado para industrializar o caladoiro do Cantábrico-Noroeste e ver como poderosos lobis de industrias enerxéticas, do naval, do metal, etcétera teñen no punto de mira os nosos espazos de traballo e os nosos ecosistemas.
Si un mira ao seu redor, escoita falar, non de proxectos de futuro para seguir neste sector, senón de proxectos e peticións para desmantelar frota, para exportar buques e para fuxir desta actividade antes de que un se afunda de todo.
As Administracións, a pesares da valía e empeño dalgunha das súas actuais responsables para enderezar o rumbo, non acaban de dar coa fórmula para que o sector deixe de achicar auga, e se adique a traballar e planificar melloras para a súa empresa e os seus traballadores.
Unha representante do sector de Euskadi dicía nas xornadas que debemos deixar de chorar e sentir orgullo de sector, e arrancou aplausos de todos, porque calquera mensaxe en positivo revitaliza o espírito. E si, claro que debemos de deixar de chorar, pero é difícil cando ano tras ano ves que cada vez o cemiterio de barcos aumenta.
Unha aposta pola investigación científica coa colaboración do sector para acabar coa ditadura de ICES (Consejo Internacional para la Exploración del Mar), unha aposta por ter un portelo único para todo o relativo á pesca, unha aposta por adaptar as normas á realidade pesqueira, unha aposta por dispor dunha nova Lei de Pesca Sostible e Investigación que remate coa comercialización das cotas de pesca, unha aposta en definitiva pola defensa radical deste sector por parte dos máximos responsables políticos só pode ser a solución a tanto tráxico choro, pero urxe, porque isto váisenos das mans e iso sería imperdoable a todos os que temos que ver algo nisto da pesca.