Patrocinado porPatrocinado por

«Fun a primeira muller oficial nun barco de pesca nas illas Malvinas»

Loreto Silvoso
Loreto silvoso A CORUÑA / LA VOZ

PESCA Y MARISQUEO

Cedida

Recolleu pateras no Estreito, vixiou barcos afundidos con droga e agora traballa nun remolcador

07 nov 2021 . Actualizado a las 08:38 h.

Naceu na beira do mar e agora dedícase a rescatar barcos en apuros. Ten algo de xustiza mariña o asunto, xa que Manuela Méndez Baneira (Corme Aldea, 1977) tivo unha infancia feliz na Costa da Morte. Residente na Coruña, fala para a Voz dende o remolcador de Salvamento Marítimo Punta Mayor, atracado en Barcelona.

—Que fai un primeiro oficial?

—Cando estamos atracados en porto, dirixo o mantemento do buque. Teño un contramestre e tres mariñeiros. Tamén dirixo os exercicios de adestramento.

—Mellor estar navegando?

—Nas emerxencias colaboro co capitán. Si está na ponte, dirixo os traballos dende a cuberta.

—A función do remolcador non é so atender barcos en apuros.

—Facemos tarefas moi diversas. Estamos para remolque, para recoller vertidos de anticontaminación e para rescate de persoas.

—Chegan as pateras á súa zona?

—Nesta zona non chegan as pateras, pero si que estiven no Estreito e recollíamos pateras. A bordo do María de Maeztu retiramos os residuos que saíron a flote cando se afundiu o Grande América, ao norte de Asturias. E, a principios deste ano, estiven no Sar Gavia e fomos tamén ao norte a sinalizar un barco que Aduanas colleu con droga.

—Cal era o seu cometido?

—Os narcos tentaron afundir o barco, pero non o conseguiron de todo. Quedou a quilla ao sol (só se vía un pouquiño) e mandáronos a nós a vixiar ese barco.

—Polo perigo para a navegación?

—Si, ao quedar entre augas, tivemos que sinalizalo para que ningún outro barco se achegara e chocara con el, porque non se vía.

—Como rematou a odisea?

—Finalmente veu o Don Inda, enganchouno coa axuda dos buzos, e levámolo para Xixón.

—Nesta profesión fai de todo!

—A min gústame moito este traballo porque cada día é unha aventura diferente. Logo tés un mes de rutina, que tamén o agradeces, pero sempre tés sorpresas.

—É certo que un remolcador non se pode afundir?

—Temos unha estabilidade moi alta, porque non traballamos con cargas nin con lastres.

—De canto peso pode chegar a tirar un remolcador?

—Podemos remolcar calquera tipo de barco: un cruceiro, un petroleiro... Calquera tamaño.

—Cal é a situación de mais perigo que tivo que afrontar?

—Non nos arriscamos como para poñernos en perigo. Preparámonos para que iso non suceda. Se nos poñemos en perigo, non podemos axudar aos demais.

—É un risco controlado.

—Na pesca si que pasei apuros, polos temporais mais que nada.

—Poucas mulleres habería.

—Hai biólogas que van de observadoras nos barcos, pero eu fun a primeira muller oficial nun barco de pesca en Malvinas. De feito, sacáronme na prensa de Stanley!

—Como levaba a tripulación que lles gobernase unha muller?

—Os mariñeiros non estaban afeitos a ver unha muller mandando. Ían cincuenta persoas en cada barco e alí había indonesios, marroquís, galegos, chilenos...