Patrocinado porPatrocinado por

O ministerio non inviste en beneficio da baixura galega

José Antonio Pérez Sieira PRESIDENTE DA FEDERACIÓN GALEGA DE CONFRARÍAS

PESCA Y MARISQUEO

Unha das moitas concentracións que houbo o 26 de marzo en Galicia e Asturias contra o regulamento de control da frota de baixura; esta, en Ribeira
Unha das moitas concentracións que houbo o 26 de marzo en Galicia e Asturias contra o regulamento de control da frota de baixura; esta, en Ribeira CARMELA QUEIJEIRO

23 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Enterados da experiencia piloto que o Ministerio de Pesca pretende realizar en 150 embarcacións galegas de menos de 12 metros de eslora para analizar o funcionamento dunha aplicación informática de xeolocalización e declaración telemática de capturas, esta federación reitera que o posicionamento contrario á implantación desta medida por parte do sector galego está máis que claro.

Parécenos unha falta de consideración por parte do ministerio que se teña xa desenrolada unha aplicación informática cando aínda non se reuniron os trílogos e aínda non está aprobada definitivamente esta normativa.

1,4 millóns nunha cuestión non definitiva

Todo parece indicar que o ministerio español está tentando ir mais rápido que a Unión Europea, e xa presume da elaboración dunha aplicación informática adecuada para a pesca artesanal cando aínda non está nin aprobada a norma definitivamente polo organismo competente.

Dende a Federación non se entende que na reunión mantida coa Secretaria General del Pesca se nos diga que intentarán facerlle ver a Bruxelas as características e o funcionamiento da flota e o sector en xeral da pesca artesanal galega, e agora pretendan facer unha proba piloto con 150 barcos e invistan 1,4 millóns de euros nunha cuestión que aínda non é definitiva.

O sector demanda axudas para modernización, para melloras dos buques, para seguridade nas embarcacións, para melloras nos portos, nas lonxas e tamén melloras na promoción dos produtos da pesca e, sen embargo, o ministerio inviste en cuestións non aprobadas nen demandadas polo sector, que en Galicia non irán en beneficio do mesmo, senón todo o contrario.

O que queremos aclarar, e así se lles expuxo en Madrid aos representantes de Pesca, é que en Galicia o control sobre a pesca artesanal e o marisqueo é rigoroso, que se remiten as capturas diariamente dende as lonxas das confrarías e que os puntos de control realizados sobre o sector a través dos plans de explotación aportan xa toda a información dos buques e os profesionais.

Esiximos que o ministerio, antes de facer ningunha experiencia piloto en Galicia, queira coñecer que datos xa están aportados diariamente á Consellería do Mar e evitar duplicidades na xestión da pesca artesanal e no marisqueo na nosa Comunidade.

Acordos nunha xunta xeral

Se a administración pública inviste 1,4 millóns de euros na pesca artesanal para coñecer o que se pesca, que o faga orientado a conseguir a homologación do sistema de envío de datos actual, porque o sector non poderá asumir a duplicidade dos envíos.

Lamentamos profundamente que o ministerio español non analice e non queira coñecer o funcionamento das lonxas e, sobre todo, da gran labor das confrarías en Galicia. Con aliados así non é de estrañar que nos encontremos como estamos a nivel pesqueiro europeo.

A Federación Galega de Confrarías vai convocar para o vindeiro día 14 de setembro unha xunta xeral de todos os patróns e patroas maiores e vicepatróns maiores de Galicia onde se falará deste asunto e se tomarán os acordos oportunos.