Patrocinado por

Antonio Muíños: «Queda aínda que a xente teña as algas por algo que non lle pode faltar na casa»

e. abuín REDACCIÓN / LA VOZ

PESCA Y MARISQUEO

Carlos Gil Andreu

O produto entrou nos fogares de a pé grazas aos chefs e á alta cociña

12 jul 2021 . Actualizado a las 18:09 h.

Conta Antonio Muíños que cando un amigo seu comprou unha lancha e a quixo rexistrar co nome de Undaria, o funcionario preguntoulle: «Como? Un da ría?» Unha anécdota que ilustra o descoñecemento das algas entre os galegos, aos que lles costa poñer nome individual ao que de sempre coñecían polo xenérico de argazo. Pero algo está cambiando. As algas entraron na cociña pola porta grande, a dos chefs de renome, e colonizaron os fogares máis humildes. De todos os xeitos, en Portomuíños non van parar ata que sexan como o sal, algo que non pode faltar na casa nin nas lacenas.

-Seguen a ser os tolos do pobo?

-Non, agora téñenos por visionarios. Pero máis que visión de futuro foi recoñecer un produto con identidade de Galicia. A xente fala das algas de Xapón, pero se miras no mapa, as rías están entre os mesmos paralelos, co cal tamén temos unha riqueza extraordinaria. O que pasa é que nós, que xa viñamos da difícil experiencia dos cogomelos, que nos levara moito esforzo, este camiño aínda nos custou máis. Topamos coa realidade, que era que había rexeitamento, porque a xente vía as algas como abono, esterco. Fomos a varios países para ver si había unha cultura para poder vender e vimos que tampouco había moito máis alá ca unha tradición en Irlanda de facer un flan con leite e algas... Sen embargo, o éxito foi crecente e a xente implicouse e foi xenerosa á hora de empezar a traballar con algas.

-A entrada foi pola porta grande, pola da alta cociña.

-Tivemos a gran sorte de que o mundo da cociña en xeral creu en nós e nos acompañou na viaxe. Foron grandes protagonistas, xenerosos, abertos a probar cunha especie, con outra, a cambiar opinións e forman parte disto, do equipo familiar que somos.

-Xa está normalizado o seu consumo?

-Estamos nun punto distinto a cando empezamos, que ninguén quería saber nada de algas. Só uns poucos que se preocupaban pola alimentación saudable e acodían a tendas especializadas. O resto, xa non digo rexeitamento, pero si desinterese. Agora en cambio todo o mundo está aberto a probalas, non che din de primeiras que non. Por exemplo, no aperitivo deste congreso [o Encuentro de los Mares] había algas e ninguén o rexeitou. Pero quizais gustaríame máis presenza nos pratos. Agora nós temos que ver como chegar á xente para animar a incorporalas, proporcionarlle coñecemento de que a leituga de mar necesita un escaldado de un minuto antes de botala á ensalada ou que un spaghetti de mar en témpura é un aperitivo sensacional, como un pescaíto frito, ou nunha hamburguesa vexetariana... E que ademais, se miras a información nutricional do spaghetti ves a cantidade de calcio e ferro que ten e que non hai verdura de terra con esa riqueza. Hai que ir educando ao consumidor e cando teña ese coñecemento as algas formarán parte da nosa cultura, seguro ademais.

-Está lonxe ese momento?

-Vai levar tempo. Hai un movemento favorable: sostibilidade, valor medioambiental, saúde... Pero a realidade é que de todas as persoas que van neste autobús [a entrevista fíxose en ruta ao Puerto de Santamaría, Cádiz], cantas poden consumir algas a cotío?

-Catro?

-Son moitas. Falta educar para que xente as teña na súa lacena, deshidratada ou de outra forma, como un ingrediente máis que non pode faltar. Ou que cando vaia comprar un berberecho o un percebe lle diga á peixeira ‘bótame un pouquiño de algas para facelos'.

-Como o perexel?

-Iso nos falta, que estean sempre na lista da compra. E iso é cultura, aínda nos vai levar anos que a xente se habitúe. E o boca a boca. Pero, a pesar de levar moitos anos e estar onde estamos, estamos contentos dos resultados, porque é unha actividade da que gozamos todos no equipo que temos na empresa. Gústalles, gozan, aprenden... Parece que ter un negocio significa enriquecerse e ás veces ter un negocio é un estilo de vida.

-Recollen máis algas das que cultivan?

-Si. Se a produción é de 400 toneladas, 350 son de recolleita natural e 50 de cultivo. Pero imos apostar máis polos cultivos. Cando empezamos a investigar nos cultivos pensabamos que a demanda ía crecer máis rápido, pero a realidade foi que non. E dedicámonos máis á recolección. Pero agora si vemos a necesidade de facer un esforzo grande en cultivos, máis que nada porque hai un cambio climático que está afectando ás algas, hai bancos de peixes que inciden nelas e, ao final, somos moitos os que estamos exercendo presión.