Patrocinado porPatrocinado por

Xusto García: «Non teño o honor de ser un lobo de mar»

s. serantes BURELA / LA VOZ

PESCA Y MARISQUEO

Xusto García, este mércores, nunha subasta de merluza en Burela, a única lonxa do mundo onde un ordenador canta os prezos
Xusto García, este mércores, nunha subasta de merluza en Burela, a única lonxa do mundo onde un ordenador canta os prezos xaime ramallal

«O personal das lonxas somos os primeiros que ven os mariñeiros cando volven», di o xefe das de Burela

26 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Non teño o honor de ser un lobo de mar», responde Xusto García López (Burela, 1958) ao propoñerlle esta entrevista. Cos títulos de patrón de litoral, mecánico naval e radiotelefonista naval restrinxido «caducados, non exerzo», o xefe de cancha nas lonxas de Armadores de Burela coñece coma poucos o mar e as súas xentes. Neto, fillo e sobriño de mariñeiros, leva 35 anos tratando cos pescadores e cos compradores, pulsando a realidade como só é posible ao pé dun peirao onde uns 350 barcos de Galicia e do Cantábrico descargaron o ano pasado 19.350 toneladas de peixe que en primeira venda deixaron 60,6 millóns de euros.

-Por que non se dedicou á pesca?

-Por circunstancias. Tiven tres oficios na vida: camareiro de mozo, fun á escola de náutica de Gijón, fun a unha marea na costeira bonito con meu pai, despois fixen FP de axustador mecánico e empecei a traballar nunha carpintería de aluminio. A mili cortoume todo en 1978 e, ao acabar, volvín para a carpintería. Despois chamáronme para traballar de conserxe nos dous colexios que había en San Cibrao e no ano 1986 empecei na lonxa, que xestionaba a confraría de Burela e que agora dirixe Armadores de Burela. Cando chaman dos barcos, sempre digo porto de Burela, coñecido en todo o Cantábrico.

-Moito cambiou ata chegar á última revolución: Burela é a única lonxa do mundo coas subastas cantadas por ordenador.

-A revolución é que se perde o ruleiro tradicional de toda a vida, as subastas de viva voz que agora reproduce un ordenador. O último salto porque xa vendíamos medio informatizados, e agora demos un paso máis con ese sistema e coas pantallas. Cando empecei poñíase o peixe no chan, como se dicía, despois a transición ás caixas de madeira, de plástico, á clasificación manual por tallas, á automatización da pesaxe... Unha evolución constante, mimando o peixe, mirando calidades, presentacións adecuadas, sempre procurando a mellor opción, para o barco e para o comprador, ofrecendo unha información veraz do que se está comprando. Fomos adaptando as novas tecnoloxías o noso sistema de traballo, para mellorar en axilidade, facendo as cousas ben para crear confianza.

-Malia eses esforzos por evolucionar e adaptarse ás demandas dos clientes, o peixe séguese pagando coma fai trinta anos.

-Mandan os mercados. Antes comprábase para os mercados centrais, Mercamadrid, Mercabarna, Mercavalencia, Mercasevilla, Valladolid, Logroño... Segue indo para aí, pero a distribución está máis repartida, cambiou polas grandes áreas comerciais, as plataformas, as peixerías, vendas directas a restaurantes... Certo que os prezos seguen estando máis ou menos como antes.

-É barato o peixe?

-Agora mesmo, si, houbo épocas nas que tiña un prezo. Nas lonxas sempre nos parece barato, pero a quen vende sempre llo parece e para quen compra sempre é caro. A evolución dos prezos depende de moitas cousas. Se a economía está ben, para as casas cómprase unha merluza de dez euros, pero se está mal, un kilo de chicharros a dous e non unha merluza a seis. Sempre hai que ter en conta que falamos dun produto perecedoiro, que se abonda ou entra de importación baixa, e se hai temporal e escasea, vale algo máis. Na primavera péscase máis, adoita baixar. Nas Navidades repunta pola demanda, porque na Semana Santa xa non se paga moito, é case coma calquera día do ano, e no último, coa pandemia...

-Como a viviron nas súas lonxas?

-Con moita precaución, moito medo, intentando desde o primeiro día facelo o mellor posible. Conseguimos mascariñas, usámolas e obrigamos a úsalas antes de que foran obrigatorias.

-O persoal das lonxas é o primeiro contacto dos mariñeiros cando volven do mar.

-Hoxe, cos teléfonos móbiles e os satélites, as comunicacións son continuas, non coma cando eran por telefonía e falabamos cos barcos ao mediodía para saber cando viñan. Aínda así, a verdade é que co primeiro co que se atopan e con nós. Ás veces pode haber algún familiar se descargan no seu porto, pero, senón, non é habitual. O oficio do mar é duro, fóra da casa, sen ver á familia... Depende do tipo de pesqueira, porque non é o mesmo ir ao bonito e botar vinte días no mar que andar nunha lancha artesanal ou nun cerqueiro, que veñen todos os días a porto. No Gran Sol podes botar dez, quince ou vinte días no mar, os que che cadren, e se vas ao espada, ao conxelado, poden ser campañas de tres meses. Adoitamos ser as primeiras caras novas que ven porque nos barcos convívese coa mesma xente en espazos reducidos e traballase moito. Con todo ese esforzo, cando chegas, se a túa pesca vale ben tes máis alegría que se non pescaches ou se pescaches e o pagan pouco.

«O peixe á prancha conserva o seu sabor natural»

Día e noite, de luns a venres, a actividade é continua nas lonxas de Armadores de Burela (ABSA), a segunda de Galicia por facturación despois da de Vigo. Xusto García está ao pé do canón, pendente de que todo funcione.

-Canta xente traballa nas lonxas?

-Na lonxa estamos vintetrés, hai sete na sección de caixas, seis en mantemento, máis o persoal das oficinas, a xerencia... Somos uns corenta e pico. Ademais, os 150 compradores autorizados nas subastas, e cada un deles ten empregados, un, dous, cinco....

-Moita xente, vintecatro horas...

-Si, dende o domingo á noite, que empezan as descargas, pero tamén temos persoal de garda as fins de semana, por se algún barco ten que descargar por algún motivo, porque ten que saír para o mar, subir ao varadoiro, unha avaría... Sempre nos adaptamos ás necesidades da flota. Hai que pensar que a xente que vén do mar, con máis ou menos días, ten ganas de chegar e irse para á casa, a ver á familia, por iso lles damos o mellor servizo posible.

-Cal é o peixe que máis lle gusta?

-Todos, en xeral. A palometa roxa é espectacular, a merluza, o bonito, sardiñas, chicharros, linguados, rodaballos... O bo que ten o peixe é que hai moita variedade e moitas formas de preparalo. A min como máis me gusta é á prancha ou á brasa, porque á prancha conserva o seu sabor natural, pero iso non quere dicir que non está moi boa unha merluza á cazola ben feita, un linguado recheo de marisco, un rodaballo en salsa de améndoa, uns chinchos en fritura de fariña...

-Que importa máis na vida?

-Primeiro, ter saúde, porque con ela teño ánimo para cumprir obxectivos e intentar mellorar o que hai. Para que a xente do sector se sinta cómoda, o obxectivo é mínimo esforzo, máximo beneficio, darlles o mellor que se pode dentro do que hai.