Patrocinado porPatrocinado por

O Foro de Acuicultura volverá a estar presente na Festa do Marisco

l. castro O GROVE / LA VOZ

ACUICULTURA

Martina Miser

O Grove reunirá no auditorio municipal a douscentos investigadores e profesionais vinculados ao mundo do mar

21 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A pesares de que aínda non rematou o verán, O Grove comeza xa a conta atrás para a celebración do seu evento máis importante: a Festa do Marisco. A programación está a pecharse, sobre todo aquela relativa a actividades relacionadas co mundo do mar que aportan un valor engadido a esta cita. Unha das actividades estrela é, sen dúbida, o Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura das Rías Galegas, que alcanza xa a súa vinte e catro edición. E conta cunha importante novidade: este ano celebrarase no auditorio municipal, lugar a onde o Concello decidiu trasladar nesta ocasión as actividades institucionais de maior calado.

ForoAcui, como se coñece coloquialmente, é referencia nacional na divulgación e debate das novas iniciativas que se veñen desenvolvendo na pesca, marisqueo e acuicultura; e a Festa do Marisco, un dos seus mellores escaparates. A organización estima que arredor de duascentas persoas chegadas dende distintos puntos do territorio español participarán no evento, e gozarán case con toda seguridade da celebración gastronómica. Será os días 6 e 7 de outubro. Dúas longas xornadas que contarán coa presenza do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), encargado de inaugurar o evento, así como con investigadores do CSIC.

Os investigadores do CIMA presentarán os seus proxectos no estudo de produción de moluscos, e conversarán sobre enfermidades e acumulación de biotoxinas nestes organismos mariños. Falarase da pesca artesanal, de ameazas e retos futuros da acuicultura, de como afectan as vagas de calor ao marisqueo a pé e se presentarán ferramentas para un xeito de mariscar sustentable. O programa afondará en temas como a nutrición dos peixes, e exporá casos de éxito de empresas pesqueiras. Agárdase que cheguen estudantes vinculados ao medio mariño para escoitar a expertos de recoñecido prestixio que proveñen de institucións como Fish Eho Group, WWF ou o Instituto Español de Oceanografía da Universidade de Vigo, entre outros.

Divulgación en redes sociais

E como o ForoAcui non é alleo á importancia que están acadando as redes sociais como vehículo de divulgación de todo aquilo que acontece no mar, esta edición deixa espazo a tres figuras relevantes nos medios como son o mariñeiro Rogelio Santos Queiruga, que fai fincapé no coidado do medio mariño a través de Twitter e Instagram, a xornalista e colareira Patricia Bea que consigue triunfar en Tik-Tok poñendo en valor a artesanía, e a blogueira Rocío Garrido, dende Cocina de mi abuelo. Postos en materia, o evento poderá seguirse en streaming a través da canle de TodoGrove en Youtube.