Patrocinado porPatrocinado por

«Bendito este traballo que me levou ver golfiños en liberdade! Ata me emocionei!»

P. BLANCO / F. RODRÍGUEZ CARBALLO / LA VOZ

SOMOS MAR

Fátima Pego, durante a reportaxe que fixo con Buceo Finisterre para avistar cetáceos
Fátima Pego, durante a reportaxe que fixo con Buceo Finisterre para avistar cetáceos .

A remollo | Fátima Pego, cantante e reporteira, ten a Costa da Morte entre unha das súas zonas preferidas: «Conservades a vosa maxia»

20 sep 2026 . Actualizado a las 23:46 h.

Case ninguén quere que remate o verán, mais toca ao seu fin e con el iranse tamén estas entrevistas «a remollo» que pecha Fátima Pego (Bastavales, Brión, 1986), cantante —exvocalista da orquestra Panorama, da París de Noia ou de Suavecito e Palladium—, licenciada en Comunicación Audiovisual, reporteira televisiva e, sobre todo, nena de aldea. «Cu inquedo», definiuse. Falou disto, e do seu paso pola Costa da Morte, en Radio Voz.

—Como vai rematando o seu verán?

—Teño o corazón partido. Como nena de aldea que ve que a terriña está seca, penso na chuvia e no ben que che viría a este campiño a auga. Pero é que tamén son amante do bo tempo, aínda fun á praia luns... Eu que ás veces vou gravar pola mañá, cedo, aínda de noite, bótame para atrás pensar neses días de choiva e néboa pechada... Pero isto é Galicia, e para que sexa verde e bonita ten que chover e haber mañás desas atravesadas.

—En que se entretivo estes meses?

—Na TVG, no programa Hora Galega, de reporteira dunha punta de Galicia para a outra. Tamén puiden quitarme o mono de cantante en moitas desas festas que temos, porque aínda que xa non estou nas orquestras sigo cantando en solitario. E aínda máis, puiden estar de vacacións, gozar dos amigos, da familia, da praia... Non me queixo, foi un verán xeitosiño.

—Temos lido que lle gusta botar man nas tarefas da aldea. Foron este ano en Bastavales as patacas tan boas como as de Coristanco?

—Tampouco diso me queixo. Comparado con outros anos foi unha boa colleita, houbo bastante e boa. E si, é certo que sempre me gustou compartir estes traballos coa familia. Son momentos nos que me poño a petirriscar con meus pais, el bérrame por se sacho a pataca máis fonda ou menos... Traballamos e botamos risotadas.

—Como eran os veráns de nena?

—Veráns de andar metida no río, xogar na rúa 24/7... Tiñamos a sorte de ter piscina aquí na parroquia, así que era monte-piscina-verbena e algún cuaderniño Rubio no medio. Eu fun unha nena feliz de aldea.

—Logo duns 20 anos sobre os escenarios, traballo día si e día tamén en verán, deixaba a Panorama aló por febreiro do 2025. Este foi o segundo verán máis «calmado».

—O que eu asociaba ao verán era traballar, así que o novo foi isto que conto, gozar da praia, da familia, do tempo de lecer. O verán do 2025 sobre todo, e neste do 2026 teño que dicir que ata botei un pouco de menos aquel ritmo, pero goceino igualmente con tranquilidade. Un pouco de morriña? Pois si, porque foron vinte anos e aínda que sexa un traballo sacrificado que che fai perder moitas cousas que tamén te fan feliz, tamén o era no escenario, naquelas noites de aplausos e sorrisos da xente.

—Non fale en pasado! Por aquí pasou este ano por Baíñas, Buño ou Fisterra. Séguena aplaudindo!

—Si, claro, pero sempre me lembran de onde veño. «Ti es a da Panorama!», dime a xente. Non sei se algún día deixarei de selo, pero eu é algo que levo con moito orgullo. Ao mellor algúns aínda non saben que xa non estou e eu tampouco perdo o tempo en aclararllo! [ri]. Seguen sendo os meus compis e eu sigo escribíndolles case a diario.

—Que saúde lle ve á verbena?

—Estamos nun proceso de cambio como xa ten habido noutras épocas. Dúos e solistas por exemplo andan agora trunfando moito, macrosesións vermús, tardeos... xa non é tanto esa festa ata as oito da mañá. Imos cara unha festa máis diúrna, máis para todas as idades [avanza por certo que ten como proxecto montar «unha banda»].

Fátima Pego, na presentación da nova tempada de programación da TVG
Fátima Pego, na presentación da nova tempada de programación da TVG .

—As redes contáronnos que andivo de expedición con Buceos Finisterre, e que puido avistar cetáceos.

—Si, no último segundo, case cando xa non contabamos. Saímos a navegar sabendo que podía haber sorte ou non. Eramos conscientes, pero aínda así iamos expectantes, con ilusión, e xa pasada a hora media, empezando a dar volta, foi cando apareceu aquela familia de golfiños... Dígoche que me emocionei! Velos en liberdade, xogando con nós, pasando por debaixo da embarcación, as voltas... É unha experiencia a vivir, para gozar do bonitos que son, pero sobre todo para aprender a respectalos.

—E viña por traballo ou lecer?

—Pois mira, por traballo, e bendito traballo! Agradezo moito que me tocase a min esa reportaxe para avistar cetáceos, e ademais con profesionais como María, bióloga, tan apaixoada do seu traballo.

—Visita a miúdo a Costa da Morte?

—Bastante. É das zonas que máis me gusta, porque ademais conservades moi ben a maxia, a vosa razón de ser.... Moito me gustan algunhas caliñas... Tiven a sorte de pasar tamén pola Festa do Longueirón, e de tocar nalgunha otra tamén.

Máis de preto 

Pegouse algunha boa festa na Costa da Morte? Máis dunha. Vénme á memoria xustamente esa do longueirón. Pegueime unha panzada deles...

Ten algún lugar especial na zona? Moitos, pero na memoria recente teño precisamente o faro [de Fisterra], que o outro día puiden ver dende o mar. Espectacular, o cabo do mundo. Falando de faros, en Punta Nariga fixen un dos vídeos máis simpáticos... Unha ventada tremenda, a saia... custoume traballo acabar aquel directo!

Probou os percebes do Roncudo? Home! E fun facer unha reportaxe con Roberto, percebeiro, estiven nas rochas alí abaixo, molleime coas ondas e algún chimpo peguei tamén.

Cal é a fervenza máis famosa da comarca? Será a do Ézaro, non? É, si! Ole, moi ben entón!

Quen escribiu o Himno de Galicia, ese que vostede ten cantado tan ben? Pois de primeiras diría quen o musicou, Pascual Veiga, e a letra... sei que ten alí mesmo a casa en Ponteceso... Eduardo Pondal! Efectivamente! Ai, imaxina que lle sei onde ten a casa e non lle sei o nome...! [ri]

Onde está o Cemiterio dos Ingleses? Sei que non fun... En Camariñas. Débolle visita logo, e hei de ir en breve.

Coñece a Praia dos Cristais de Laxe? Esta si, fun de nova.

E a catedral do megalitismo, sabería dicir cal é? Eu diría que o dolmen de Axeitos... Para nós éo Dombate. Ahhhh...