A conselleira de Mar ensalzou en Burela o valor da pesca costeira artesanal
SOMOS MAR
Marta Villaverde interviu na presentación de iniciativas do proxecto Pescarte
20 sep 2026 . Actualizado a las 04:46 h.A conselleira do Mar, Marta Villaverde, destacou este sábado en Burela o valor da pesca costeira artesanal como parte esencial da identidade das comunidades mariñeiras e como unha actividade con capacidade para xerar oportunidades de futuro desde a tradición, a sustentabilidade e a innovación. Así o sinalou na presentación de novas iniciativas do proxecto Pescarte: a prol da pesca costeira artesanal, promovido pola Confraría de Pescadores de Burela. Villaverde incidiu en que o apoio á pesca costeira artesanal constitúe unha «prioridade estratéxica» para a Consellería do Mar e salientou que iniciativas como Pescarte permiten abordar a realidade mariñeira desde unha visión integradora, incorporando a inclusión, a cultura, a gastronomía, o consumo dos produtos do mar e a remuda xeracional.
Neste sentido, puxo tamén en valor o papel das confrarías e dos GALP como aliados para dinamizar as vilas costeiras e abrir novas oportunidades de futuro. Durante o acto presentáronse os murais Pescarte, unha intervención de preto de 250 metros lineais que combina arte e divulgación das artes de pesca, das especies locais e da identidade mariñeira de Burela. A iniciativa conta, ademais, con paneis táctiles con sistema de escritura braille e altorrelevo para favorecer unha cultura mariñeira inclusiva.
Especies da frota de Burela
A xornada incluíu tamén un showcooking para poñer en valor as especies capturadas pola frota de Burela e comercializadas na súa lonxa ó longo de todo ano, tanto as máis recoñecidas, como a pescada, como outras menos coñecidas pero con potencial gastronómico.
Villaverde subliñou que fomentar o consumo de produto local entre a poboación «contribúe a apoiar as familias que viven do mar e a continuidade da actividade pesqueira», un sector básico en Galicia. O proxecto Pescarte conta cun investimento total de 115.328 euros e comprende dez actuacións desenvolvidas ao longo dos anos 2025 e 2026. Son cofinanciadas ao 70 % polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e nun 30 % pola Xunta de Galicia.