Patrocinado porPatrocinado por

Victoria Amor: «Para ir ao percebe o máis importante é non ser moi ambicioso»

Ramón González Rey RIBADEO / LA VOZ

SOMOS MAR

Victoria Amor,  percebeira e redeira, aos seus 74 anos aínda bota de menos o mar e as rochas.
Victoria Amor, percebeira e redeira, aos seus 74 anos aínda bota de menos o mar e as rochas. PEPA LOSADA

Natural de Rinlo (Ribadeo), onde foi percebeira e redeira, aos seus 74 anos aínda bota de menos o mar e as rochas: «En verán era moi bonito», di 

13 sep 2026 . Actualizado a las 13:35 h.

Dá gusto falar con Victoria Amor Fernández (Rinlo-Ribadeo, 74 anos), quen durante case tres décadas quitou percebe das rochas no Cantábrico. É doado imaxinala relatando toda unha cultura mariñeira nas visitas guiadas ás cetáreas da súa localidade natal. Hai nove anos que está xubilada como percebeira, pero di que aínda de cando en vez o bota de menos.

—Exerceu un oficio duro.

—Sí, pero gustábame ir ao mar. Ao principio eramos case todas mulleres, agás dous homes, e tiñamos bastante unión. Nunca iamos soas. Ao empezar facíaseme un pouco costa arriba ir ao percebe, pero logo me acostumei. É verdade que en inverno era duro. Había que saber de onde vén o mar, o vento… E ser moi coidadoso, para un percebeiro non é bo ser ambicioso. Ás veces o traballo é moi perigoso. Daquela soíamos cambiar cando había mal tempo, avisabamos na delegación de Pesca e traballabamos outro día. Agora son máis homes e soen arriscar máis, e iso afecta sobre todo ás mulleres, porque se ven obrigadas a ir faenar cando van eles.

—Imaxino que non é doado ser prudente cando un ve nun sitio perigoso unha boa piña.

—Sempre fun prudente e nunca nada me pasou, grazas a Deus. Se había mar non pasaba ás illas. É certo que esta zona da Mariña non é tan perigosa, pero había áreas, como a do faro de Ribadeo, onde rompía moito o mar e esvaraba moito. Foi moi duro, o peor de todo, cando nos morreu unha compañeira. Era a campaña de Nadal, viña de Lugo coa nai e andaba un pouco máis apurada, a ver se podía coller un quiliño ou dous, porque nós xa estabamos mariscando e nesa época págase ben. Era moi experimentada, levaba loitado co mar moitísimo, pero tocoulle á pobre. Sentín berrar e collín o vespino, pero xa non se puido facer nada. Hai que ter sempre coidado: as ondas rompen barcos de ferro.

—Valorábase nos prezos o risco que corrían?

—Había de todo, quen o pagaba ben e quen revolvía todo o que podía, dicíache que non os quería porque había un cortado e estragaba os outros. Pero sempre fumos tirando. Os percebes non son caros para o traballo que dan e o risco que asumes.

—Di que o percebe engancha.

—Cando me xubilei sentía ás compañeiras ir e dicíame: «Quen me dera ir». Ao principio ignoraba todo, non sabía apañar ben nin se había marexada, mar de fondo, ou que nunca se lle dán as costas ao mar... Corría para arriba, para abaixo, e igual estaba desprendendo o percebe e volvíame fastidiar o mar, e tiña que deixalo (ri). É bonito, especialmente no verán: co mar manso, aquela calor, pasar ás illas... Pasabamos nunha roda dun tractor, cuberta con rede, con fondo de poliéster. Había quen non sabía nadar, e daquela pasabamos con cordas, quedaba unha persoa en terra e íanos arreando. Sabiamos o nome de todas as penas da costa.

—Quen lle ensinou todo iso?

—As mulleres máis maiores, que eran mariscadoras cando non se lle daba tanta importancia ao marisco. Ían ao percebe ou aos mexilóns na Semana Santa para facer un arroz na casiña, riquísimo. Cando ía ao ourizo de mar, ás veces partía un e comíao crú alí mesmo, e tiña o sabor del toda a mañá. Era como coller a froita da árbore. E o percebe é como as pipas: empezas e non paras...

—Tamén foi redeira.

—Lembro ir moi nova a Ribadeo, cunha bicicleta e unha mochila. Tiña uns 15 anos e ía cun par de rapazas. Faciamos miños, volantas para a pescada... Traballabamos no porto de Mirasol pero tamén o fixemos nun boniteiro, en Foz, ou en Viveiro, a través da mesma empresa. Logo casei en Rinlo, e ao facer o cursiño do percebe cambieime, gustábame máis.

—Cando non estraían percebe ían ao ourizo de mar. Cal dos oficios que exerceu era o máis duro?

—Ao ourizo faenabamos de xaneiro a marzo. Cargabamos máis peso, subindo sacos polas penas arriba... Esvarabas seguido, así temos as mariscadoras os ósos e os xeonllos. O percebe era distinto. Eu se había moito mar non arriscaba, punto pelota. E se faenaba, collía os meus cinco quilos, porque o pequeniño había que deixalo medrar. Non o levaba mal. E o traballo de redeira gustábame. Levaba peor o da bicicleta e meu pai regaloume un vespino (ri).

—Di vostede que cambiou moito o conto desde que comezou. Vendían os ourizos a 2,50 euros e agora véndense a 17 ou 18, porque non se valoraba o marisco. Hai unha festa que xustamente exalta o percebe de Rinlo e vostede estivo implicada na súa orixe.

—Nós deixabamos sempre unha pena, á que lle chamabamos O Mourón, para a Festa do Percebe. Non iamos en todo o ano. Mariscabamos toda a semana previa e metiamos todo nunha neveira industrial, e seleccionabamos ben as pezas. É importante ter unha cita coma esta, aínda que agora penso que cos anos foi collendo máis protagonismo o beber que o percebe.

—Vostede foi presidenta da agrupación de mariscadoras de Rinlo. Cales eran as principais reivindicacións que facían?

—As mariscadoras deberamos ter un retiro mellor. Tiñamos un coeficiente redutor moi baixo: calquera outro traballador, que axudase nas descargas, por exemplo, tíñao mellor. Moitas das que empezaron despois ca min, tendo agora os 65 años, non teñen cotizado abondo para xubilarse. É un traballo que, co perigoso que é, debera estar mellor valorado. Quitando verán e Nadal, o resto do ano dábanos para pagar a Seguridade Social e pouco máis.

—É difícil presidir unha asociación así?

—Algunha riña e algúns celos sempre había, pero estabamos unidas. Sempre hai algún conflito, en todos os traballos. Había quen pensaba que cobraba por ir ás reunións, cando en realidade ás veces perdía o día de mariscar... Pero consideraba que era necesario participar, para poder defender os nosos intereses e saber como traballaban noutras confrarías.