Patrocinado porPatrocinado por

José Meitín, lobo de mar: «No Gran Sol aprendín o que non debía: priorizar cartos sobre a vida» 

Ramón González Rey XOVE / LA VOZ

SOMOS MAR

José Meitín
José Meitín XAIME RAMALLAL

Tras dez anos «moi duros», o xovense traballou nun buque oceanográfico e en remolcadores

24 may 2026 . Actualizado a las 20:37 h.

Mentres toma un café na Cancela, a uns centos de metros do portiño de Morás e dos seus singulares dolos, José Meitín (Tuimil-Xove, 64 anos) conta que a súa vinculación co mar comezou no 1983, cando botou sen éxito un currículum para traballar en Alúmina-Aluminio, e ao non recibir a chamada do complexo industrial que cambiaría A Mariña lucense embarcou de mariñeiro. Durante dez anos faenou ao pincho no lendario caladoiro de Gran Sol. O Gomistegui, o Charolais e o Urgain Bat, pesqueiro no que no 2005 houbo —moito despois de que o xovense cambiase de oficio— un sonado motín a bordo por retrasos no pago aos mariñeiros, foron os barcos nos que prestou servizo. Das augas francesas, inglesas e francesas non garda unha boa lembranza.

«Andabamos na zona VII, na VI. En Gran Sol traballas moitas horas e o mal tempo condiciona todo, porque non é como facer o teu traballo en terra, hai moitas cousas que non podes controlar. Por alí pasan todas as borrascas que veñen do Atlántico, as máis baixas e as máis altas», explica.

No 1984, faenando no Carolais, sufriu o ciclón Hortensia. «Coa ondada e a escuma e co vento non vías nada. É unha experiencia desagradable, chegas a pasar medo porque non sabes como vai acabar a cousa. A de Gran Sol é unha vida moi dura aínda que bastante lucrativa, porque en dúas mareas quitabas para un coche», explica.

En situacións tan complicadas «nótase quen vai no barco. É importante que a tripulación sexa boa, porque embarcan 16 persoas nun espazo moi reducido e hai roces. Antes tamén se tiña a costume de levar alcol e iso complicábado todo. Pero nunca tiven ningún problema», remarca.

Meitín lembra que «pasabas tantas horas de pé no Gran Sol que as pernas inchaban, e como levabas botas de goma despois non podías sacalas. Teño durmido con elas porque ou as cortabas ou non había forma. Alí entrabas nun círculo moi pechado de traballo, con mareas de 18 días e outros tres de decanso na casa, e non vías máis alá. Aprendín o que non debía: priorizar os cartos sobre a calidade de vida. Baixo o meu punto de vista, o diñeiro que gañas non compensa os padecementos que pasas. De aí que moitos tripulantes que se fixeron armadores deixaran de ir ao mar ao mercar un barco, e que agora sexa tan difícil atopar xente», argumenta.

Tanto absorbe Gran Sol, engade, que cando decidiu deixar os barcos do pincho comezou a traballar en oficios «que nin sabía que existían». Para entón xa quitara os títulos de patrón de litoral e de patrón de altura. Tamén se formou en cabotaxe.

E se hai un debate entre a frota e os científicos pola cantidade de peixe que se debe e non se debe pescar, no que ás veces é complicado conciliar o coidado do medio ambiente coa importancia socioeconómica da frota, podería dicirse que pasou dun lado ao outro. Traballou no barco oceanográfico Odon de Buen, precursor do actual, meirande —84,3 metros de eslora e 17,8 de manga— e que supón o buque insignia da frota científica española.

Aquel primeiro e máis modesto Odon de Buen, con porto base en Mallorca, botouse no 1973 e prestou servizo durante 43 anos. Tiña capacidade para 16 persoas a bordo, aínda que integraban a tripulación cinco persoas, dispuña dun laboratorio duns doce metros cadrados e dunha autonomía de catorce días. «Faciamos campañas con equipos de biólogos. Uns dedicábanse a estudar os fondos mariños, outros o peixe, outros as condicións da auga, outros medían as correntes no estreito de Xibraltar...», enumera. «Dabamos servizo aos institutos oceanográficos do Mediterráneo: Baleares, Mar Menor, Málaga...», relata.

«Traballar alí era moi entretido. Cada poucos días facías cousas diferentes: pescabas ao arrastre, con nasa... Nas Islas Columbretes pesquei langosta. Faneabamos loxicamente en zonas prohibidas aos pesqueiros, e había moita cantidade. Capturabas pouquiñas unidades que os científicos marcaban e logo extrapolaban os datos», afonda. «Temos visto pasar moita langosta pero sen poder comela, salvo algunha que quedaba danada», ri.