A Eurocámara acorda dar prioridad a la pesca sobre os proxectos de enerxía eólica na planificación do espazo marítimo
SOMOS MAR
Os eurodeputados galegos destacan as singularidades do litoral galego como fonte de sustento para moitas familias
21 may 2026 . Actualizado a las 09:39 h.O pleno do Parlamento Europeo aprobou onte a súa avaliación da Directiva de Ordenación Espacial Marítima en vistas á vindeira Lei Europea dos Océanos. Na súa opinión, os eurodeputados alertan dos choques crecentes entre os diferentes actores nas augas europeas e piden áreas de preferencia pesqueira.
A Directiva de Ordenación Espacial Marítima, adoptada no ano 2014, organiza as augas europeas para evitar conflitos entre a pesca, o comercio, as enerxías renovables ou a conservación natural. No seu informe, publicado a finais do mes de abril, a Comisión avisou da nova era de madurez desta iniciativa, malia persistir retos na súa aplicación e planificación. O Executivo comunitario, ademais, considera a revisión desta Directiva como unha base para a vindeira Lei Europea dos Océanos, actualmente en fase de consulta.
Áreas prioritarias para pesca
A Eurocámara, porén, pide que a revisión da directiva inclúa a creación de áreas de prioridade para a pesca, seguindo criterios de segmentos da frota e da cunca oceánica, e espazos reservados para as artes artesanais. Os lexisladores comunitarios tamén esixen recoñecer o traballo da pesca para a autonomía alimentaria da UE e como fonte de traballo para as comunidades pesqueiras. En canto aos proxectos eólicos mariños, os eurodeputados piden unha maior coordinación entre o sector pesqueiro e o enerxético na súa creación.
Para iso, destacan a importancia de obedecer a criterios técnicos e científicos á hora de designar zonas de uso mixto e involucrar ao sector na asignación de espazos para granxas eólicas. Finalmente, o Parlamento avoga por unha maior cooperación transfronteiriza para desenvolver plans macrorrexionais, complementar os plans nacionais con estratexias da cuncas mariñas, así como reforzar a colaboración con países veciños costeiros.
Para o eurodeputado galego do PP, Francisco Millán Mon, o espazo marítimo europeo sofre unha presión crecente polas actividades enerxéticas e de transporte. Por iso, pediu na súa intervención garantir un equilibrio «para evitar que a pesca sexa desprazada progresivamente dos seus caladoiros tradicionais», poñendo de exemplo o Observatorio da Enerxía Eólica Mariña creado pola Xunta no ano 2021. «Non falamos só de economía, mais de comunidades costeiras, emprego, xeitos de vivir e seguridade alimentaria», expuxo, destacando o carácter holístico do mar.
Pola súa parte, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, destacou a necesidade de protexer a pesca artesanal e o marisqueo, áreas vitais do sector galego, e o rol das rías como espazo de biodiversidade «único no mundo» e fonte de sustento para moitas familias galegas. Por iso, segundo Miranda, deben ser protexidas fronte proxectos eólicos ou industrias contaminantes como Altri ou Ence. Tamén criticou o Plan de Ordenación do Espazo Marítimo de España, «que pode ser moi grave para este medio de vida».