O acordo UE-Mercosur muda os aranceis da pescada e o lagostino da Arxentina
SOMOS MAR
Beneficia a grupos empresariais galegos que operan no país
02 may 2026 . Actualizado a las 04:50 h.Maio trae consigo a entrada en vigor do acordo de libre comercio entre a UE e Mercosur. O pacto, en aplicación provisional ata o veredicto do TXUE e a aprobación polo Parlamento Europeo, elimina os aranceis entre ámbolos dous bloques comerciais, unha medida moi positiva para as empresas galegas que operan no Atlántico sudoccidental, sobre todo na Arxentina. Porén, non rematan outros dos problemas do sector, como a incerteza administrativa ou os relacionados coa cargaimpositiva.
Nese país, grupos galegos como Wofco, Iberconsa ou Nueva Pescanova, a través da súa filial Argenova, contan cuns 80 buques e dez plantas dedicadas ao lagostino ou a pescada, entre outros. O arancel a pagar por importar Rodolfos era do 12 % e, do 15 %, para a pescada. No primeiro caso, reducirase progresivamente ata o 2030; no segundo, desaparece xa. Ademais, inclúense pactos en materia sanitaria ou de desenvolvemento sostible.
Beneficia a empresas galegas
Segundo datos do ministerio de Agricultura e Pesca arxentino, no 2025, as exportacións de pescada común acadaron un valor de 326 millóns de dólares. A pescada negra, unha variante dez veces máis valiosa que a normal, recadou 65 millóns. Desta especie só tres empresas teñen cotas de captura, todas vencelladas a Galicia: Argenova; Pesantar, propiedade da viguesa Profand, e Estremar, dirixida polo antigo directivo de Pescanova, Marcos Osuna Andrade. O lagostino, a xoia da coroa marítima arxentina, exportouse por valor de 988 millóns de dólares. As meirande parte das cotas están repartidas a Iberconsa, Profand e Wofco, esta última a través de Conarpresa.
A pesca non está entre as áreas máis afectadas polo acordo comercial entre a UE e Mercosur. Dunha banda, a Unión apenas exporta produtos pesqueiros a América Latina e, doutra, Perú e Chile, as principais potencias rexionais, non son membros de pleno de Mercosur e quedan fóra.