Eurodeputados apoian que se eleve a 7.000 millóns os fondos de pesca no próximo marco financeiro plurianual da UE
16 abr 2026 . Actualizado a las 04:46 h.O sector pesqueiro poderá reclamar axudas europeas pola suba do prezo do combustible dende este xoves, data na que o Colexio de Comisarios aprobará activar as medidas extraordinarias que recolle o artigo 26.2 del Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa), que permite, en situacións excepcionais, compensar ao sector por lucro cesante ou custes adicionais. Así o anunciou este mércores unha representante do Executivo comunitario na Comisión de Pesca (PECH) do Parlamento Europeo ao fío do debate sobre o impacto no sector dos altos prezos do gasoil pola guerra de Irán.
As axudas, reclamadas pola frota dende o comezo do conflito, aplicaranse nos gastos enerxéticos da frota dende o 28 de febreiro ata finais de ano, segundo apuntou a representante do Executivo comunitario. O seu funcionamento será similar ao das crises da covid e a invasión rusa de Ucraína, tal e como levan pedido os eurodeputados desta comisión nos últimos encontros. O comisario de Pesca e Océanos, Costas Kadis, anunciara no último Consello de Ministros de Agricultura e Pesca (Agrifish) que estaban a traballar en accións para axudar ao sector. As datas para superar os trámites internos coinciden entre dito anuncio e a súa aprobación esta semana.
No debate, o socialista Nicolás González Casares lembrou que a situación actual require reformular o fondo de pesca e incrementar o seu orzamento para abordar cuestións como a da descarbonización, pois doutro xeito sería «espir un santo para vestir outro», dixo na sesión.
Ana Miranda, do BNG, culpou da crise aos «ensaios imperialistas dos EE. UU. e Israel», pediu un imposto aos beneficios das empresas petroleiras e expuxo que xa hai unha parte do sector que non está saíndo a faenar polo alto custe do gasoil. O popular Francisco Millán Mon pediu á Comisión e ós Estados membros rapidez na concesión das axudas e considerou escasa a axuda estatal actual «cando o custe do combustible máis que duplicouse».
Próximo orzamento da UE
A Comisión de Pesca tamén analizou a proposta do Parlamento para o vindeiro Marco Financeiro Plurianual, aprobada este mércores na comisión de Orzamentos. A Eurocámara pide aumentar os fondos pesqueiros dos 2.000 millóns de euros ofrecidos polo Executivo comunitario a case 7.300, máis ca os 6.100 millóns do actual Fempa. Millán Mon, poñente alternativo na opinión deste comité, que «este Parlamento pórtase ben co sector e é consciente da súa situación», expresou. O pontevedrés tamén criticou a subordinación dos fondos pesqueiros á agricultura e anunciou emendas para que estes pasen dos plans nacionais e rexionais propostos ao regulamento sectorial de Pesca.
González Casares aplaude a nova proposta do Parlamento, xa que «escóitanse as demandas do sector», pero aínda «queda moito por facer». Pola súa parte, a nacionalista Ana Miranda considera a postura do Parlamento como «unha vitoria do sector» e explicou que o seu grupo reclama á Xunta unha xestión dos cartos «que responda ás necesidades do sector e non a infraestruturas que non benefician directamente».
A eurodeputada do Bloque en Bruxelas tamén incluíu enmendas no informe sobre a ordenación do espazo marítimo. Millán Mon, pola súa parte, puxo á confraría de Arcade coma exemplo na xestión da anguía europea.