Patrocinado porPatrocinado por

Mónica Leiro, presidenta de Culturmar: «Galicia é a referencia en España no patrimonio e a navegación tradicionais»

Serxio González Souto
serxio gonzález A ILLA / LA VOZ

SOMOS MAR

Mónica Leiro xunta unha dorna, a embarcación tracicional máis representativa do mar de Arousa
Mónica Leiro xunta unha dorna, a embarcación tracicional máis representativa do mar de Arousa MARTINA MISER

A primeira muller á fronte da federación que defende a cultura marítima e fluvial asume como meta involucrar a xente nova no mantemento «desta sabedoría viva»

28 mar 2026 . Actualizado a las 04:47 h.

Nacendo onde naceu, Mónica Leiro Búa (O Carril-Vilagarcía, 1974) respirou o mar dende sempre. Pero o verdadeiro e fondo vencello que co tempo chegou a desenvolver veu da man do seu home, Santiago Mougán, regatista de dornas a vela, e do engado irresistible que A Illa de Arousa exerce sobre quen se deixa gañar por ela. Mestra de formación, licenciada en Comunicación, Publicidade e Relacións Públicas, Mónica é, dende a pasada fin de semana, a primeira muller que preside Culturmar, a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial. A entidade que dende 1993 fai honra ao seu nome defendendo o patrimonio náutico de Galicia. Sobre o terreo, e nos foros nacionais e internacionais nos que está presente por riqueza, diversidade e dereito propio.

A renovación da directiva da federación tivo lugar hai exactamente unha semana, na asemblea que se desenvolveu en Cambados. Foi alí onde Pepe Sacau cedeu a presidencia, que recaeu na regatista arousá a través dunha decisión colectiva. «É certo que Pepe levaba moito tempo, e este é un traballo altruísta e esixente, que require moita dedicación e, chegado o seu momento, pide unha remuda. Os compañeiros pensaron que o meu perfil era interesante, e aquí estamos, con moita ilusión e gañas de facer cousas».

Mónica pertence á Fasquia, a asociación cultural, deportiva e promotora de deportes xuvenís da Illa, un dos 43 colectivos que conforman Culturmar. Xunta ela, outras dúas mulleres en cargos de responsabilidade: María José Jojó García Campo, da Asociación Cultural Mariñeira Os Patexeiros, de Sada, coma nova vicepresidenta; e Iria Fernández Delgado, nas funcións de tesoureira. Completan o equipo Marcos Buide Pollán, da Asociación Lajareu por Barlovento de Ribeira (secretario) e os vogais Alberto Martínez Pintos (Terra de Outes), Santiago Mougán (A Fasquía) e Juan Miguel Indio Vivanco Criado (Os Patexeiros).

«Se falamos de España, Galicia é a referencia en navegación tradicional e en patrimonio marítimo. Pensa que temos unhas quince tipoloxías de barcos diferentes. Lóxico, porque a súa funcionalidade dirixíase ao traballo, e a costa galega é moi diversa. En función do tipo de costa e da arte á que se dedicaban os mariñeiros, a fasquía do barco cambiaba. Isto representa unha riqueza marabillosa, que non existe en moitos outros lugares, pero costa mantela», recoñece a presidenta da federación.

As Administracións galegas prestan o seu apoio a este labor. Pero as cousas noutros países, coma Francia, son distintas. Non só polo que ten que ver co respaldo institucional, senón, sobre todo, no que atinxe á valoración social e ao xeito no que a cidadanía se involucra coa súa cultura mariña e fluvial. «Francia é, neste senso, o referente. Están a anos luz, oxalá puidésemos chegar a ese punto algún día. Aló a xente paga 42 euros por ver barcos e outras actividades. A nosa responsabilidade é conseguir que tamén aquí se lle dea a esta riqueza o valor que ten; acadar no posible esa grande concienciación cívica que teñen, por exemplo, os franceses».

Non é difícil achegarse ao mundo da navegación tradicional, sempre que no teu entorno exista unha asociación coma as que compoñen Culturmar. Mais a presidenta pon o foco de atención nun problema: «As xeracións máis novas non amosan moito interese. A media de idade da xente que estamos desenvolvendo este labor vai de corenta anos para riba. Así que unha das nosas grandes metas é involucrar a xente nova para que isto poida continuar. Enganchar os mozos, porque o que queremos é un patrimonio vivo e activo, non un museo. Sabedoría viva ao alcance de todos, non algo inerte».

A proa posta no Encontro de Embarcacións do 2027 e na opción de Ribadeo

Aínda que o seu labor toca moitos outros paus —carpintería de ribeira, artesáns, redeiras, recollida de patrimonio etnográfico— sen dúbida o grande escaparate de Culturmar e da cultura marítima e fluvial son os Encontros de Embarcacións Tradicionais que dende 1993 se desenvolven con periodicidade bienal. «Dáse unha convivencia marabillosa, de dentro e fóra de Galicia. Veñen de Portugal, unha delegación vasca que ten moito apoio tamén e son incribles, de Cartaxena, de Mallorca. Algunha vez teñen participado tamén embarcacións de Francia». Desta volta toca o 2027, e a asemblea da federación apoiou a candidatura de Ribadeo á hora de acoller este grande evento. Unha proposta que defenderon a asociación Talameira e o presidente do Real Club Náutico de Ribadeo, Pablo Fernández Ferreyra, presente na reunión do sábado en Cambados.

«É un reto moi importante, porque a costa de Lugo nunca se tocou, e a meirande parte da flota atópase nas Rías Baixas. Precisamente por iso, porque a loxística será complexa, é preciso que as institucións e os axentes públicos apoien esta idea», subliña Mónica. A súa materialización necesita a aprobación do Concello de Ribadeo, mais tamén o compromiso da Deputación de Lugo.

Proxección internacional. Fundada en 1993, ao fío do encontro de Ribeira, Culturmar é a único representante do Estado español de pleno dereito na European Maritime Heritage (EMH), asociación internacional que ampara a Unesco e asesora ás autoridades da Unión Europea sobre o patrimonio marítimo.