Tono Casas Gómez, armador, patrón e mariñeiro de O Xilgueiro: «O mar xa me gustaba de neno e sempre tiven claro que quería andar á baixura»
SOMOS MAR
Leva máis de 30 anos en lanchas que pescan salmonetes, San Martiños, raias ou centolas
28 sep 2024 . Actualizado a las 08:42 h.Poderíase dicir que Antonio Casas Gómez, Tono (Viveiro, 1976), leva o salitre no sangue. Seu avó era O Xilgueiro, carpinteiro de ribeira con moita sona en Celeiro, e seu pai, Francisco, foi mariñeiro e pasou a vida embarcado no Gran Sol e no arrastre ata que tivo que deixar a pesca por motivos de saúde. «O mar xa me gustaba de pequeno e con 16 anos xa empecei nisto. Sempre tiven claro que quería andar á baixura», explica o armador, patrón e mariñeiro de O Xilgueiro, unha das 15 lanchas de baixura e do cerco con base no porto mariñán de Celeiro. Tono acumula máis de tres décadas de experiencia nun sector que cambiou moito e que se continúa transformando. A evolución é continua. «Cando empecei eu, no porto aínda había moito máis movemento do que hai agora. Igual de baixura había máis de vinte lanchas. Neste tempo, as condicións foron mellorando. Agora as lanchas están pechadas e o traballo é igual, pero as embarcacións teñen outras comodidades», comenta un profesional que recorda tempos nos que se ía ó mar ata nas fins de semana. «Non había o descanso dominical que hai agora, parábase menos», engade un home que leva 18 anos traballando man a man con seu irmán Juan, de 51. O terceiro, Francisco, tamén faenou algún tempo con eles.
«Levámonos ben e entendémonos ben. Somos todos moi unidos, moi de familia», revela Tono. A súa lancha, de 14 metros de eslora por 4 de manga, foi obxecto dun acto vandálico o pasado verán, cando uns rapaces lle soltaron os cabos e a deixaron á deriva nas horas previas á procesión marítima das patronais da Virxe do Carme. Aquela madrugada, a solidariedade dos mariñeiros de dous boniteiros vascos, o Berriz Kukuarri e o Itsar Eder, que estaban amarrados no porto mariñán buscando refuxio, foi decisiva para que o barco non sufrise danos. «Son bromas que non se poden facer. Se o barco vai contra as pedras ou contra a rampla do varadoiro fastidia os baixos e a avaría ía custar miles de euros», reflexionou aquel día Casas. E engadiu: «A xente non é consciente do que pode implicar un acto así».
De luns a venres, e en función das vedas, das cotas e da rendabilidade que acaden os prezos que acadan na lonxa celeirense, O Xilgueiro captura peixes como fanecas, San Martiños, raias, chicharros, sardiñas e parrochas, vispos, melgachos ou salmonetes, entre outros, ademais de mariscos como centolas, lumbrigantes ou polbos. Á cabala hai un par de anos que deixaron de andar. «Non era rendible», detalla un mariñeiro que lamenta que ás veces as esixencias e os permisos das administracións non coincidan, en ocasión, co que eles atopan no mar. «Hai veces que canto tes cota só che aparecen catro raias».
«A praia gústame e vou a ela porque este oficio permíteme facer unha vida normal»
Tono Casas Gómez goza traballando no mar, ó aire libre, sendo dono do seu tempo. «A liberdade que che dá este traballo non cha dan moitos outros. Estou contento facendo o que fago, aínda que é certo que podería haber máis peixe e debería haber menos trabas burocráticas e menos gastos, que nos últimos anos duplicáronse. Pero meu irmán Juan e máis eu somos os nosos propios xefes e iso é unha gran vantaxe», comenta un home que coñece á perfección os entresixos da ría de Viveiro e desta parte do litoral cantábrico.
Deste xeito, «a beira do río», «as casas de Bares», «os areosos» ou «o turístico», en relación co Fuciño do Porco, tamén coñecido como Punta Socastro, son tan só algunhas das marcas oficiosas polas que os mariñeiros con experiencia e curtidos coma el son capaces de localizar fondeadoiros sen necesidade de empregar tecnoloxías como o GPS.
Cando remata de traballar, Tono comenta que tamén goza do mar. «Gústame a praia e vou a ela porque este oficio permíteme facer unha vida normal. O horario que temos é moi bo. É certo que hai que madrugar moito porque sobre as cinco ou cinco e pico saímos ó mar case tódolos días, pero tamén o é que ó mediodía, salvo algunhas excepcións, estás todos os días na casa e podes facer pola tarde o que queres», argumenta, e sinala que o mar xera agora máis actividade con negocios relacionados co surf.
No Costa de África
Antes de ser armador e patrón do Isla Isabel, e posteriormente de O Xilgueiro, Tono traballou como mariñeiro noutras embarcacións de baixura que foron emblemáticas en Celeiro, como a Costa de África.