A expedición que buscará en Canadá os restos do Villa de Pitanxo segue sen data

Serxio Barral Álvarez
Serxio Barral PONTEVEDRA / LA VOZ

SOMOS MAR

El delegado del Gobierno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, se reúne en Pontevedra con familiares del Villa de Pitanxo
El delegado del Gobierno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, se reúne en Pontevedra con familiares del Villa de Pitanxo Capotillo

Besteiro confirma aos familiares a firma do contrato, pero evita ir máis alá

17 may 2023 . Actualizado a las 04:45 h.

A expedición que buscará os restos do Villa de Pitanxo en Terranova xa ten papeis, pero segue sen data de partida. O delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, comunicou este martes aos familiares dos mariñeiros falecidos e desaparecidos a firma do contrato entre o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e a empresa viguesa ACSM, pero rexeitou concretar a data de partida do buque.

A portavoz dos familiares, María José de Pazo, si apuntou a que «non parece que vaia ser inminente», tendo en conta que o asunto está xudicializado e terá que ser a Audiencia Nacional a que estableza o calendario. «Hai que ter en conta que baixar ao barco é unha proba dentro dun proceso penal, de modo que hai que cumprir unhas garantías», insistiu Do Pazo, quen lembrou que «non estamos a falar dunha expedición para buscar un galeón afundido no Pacífico. Isto é para buscar indicios para saber a verdade de 21 falecementos, e hai unha responsabilidade». Lembrou que o proceso penal continúa contra a armadora e o patrón do Villa de Pitanxo, que afundiu o 15 de febreiro do ano pasado a 250 millas de Canadá.

A reunión de Besteiro cos familiares produciuse apenas tres días despois de que estes a solicitasen, e foi o primeiro contacto directo dende a súa toma de posesión como delegado do Goberno. Á cita, na sede da subdelegación en Pontevedra, acudiron unha vintena de familiares, que foron recibidos polo propio Besteiro a pé de rúa. A reunión posterior estendeuse preto de dúas horas.

«As familias acordamos que esta reunión fose proactiva —continuou a portavoz—. Todo o que non se fixo antes de hoxe, todas as meteduras de pata, todas as deficiencias que cometeron as diversas autoridades... é infrutuoso reclamarllas ao señor Besteiro. O que queremos as familias é avanzar por estes 21 que están falecidos, para que haxa xustiza».

Por iso, os familiares reclamaron a Gómez Besteiro «axilidade» no Ministerio de Transportes para atender os requirimentos tramitados pola Audiencia Nacional, acometer a misión canto antes e «ter dunha vez por todas unha información fluída do Goberno; que non teñamos que chamar a todos os ministerios ou saber polos medios cousas como o do contrato, que é algo que nos produce ansiedade e frustración».

Besteiro comprometeuse cos achegados das vítimas a que se dea esa comunicación: «A colaboración da Delegación do Goberno segue aberta para informar, fortalecer e coordinar na medida do posible a relación cos familiares».

O delegado insistiu en que a vontade do Goberno é «a máxima procura de colaboración para que as cousas se solucionen o antes posible», e insistiu en que os tempos os marca «a instrución penal da que todos debemos estar pendentes».

ACSM, aliviada tras asinar o contrato e lista para partir

Para a empresa viguesa ACSM, adxudicataria do servizo de procura e inspección do pecio do pesqueiro do Grupo Nores, foi todo un alivio recibir o contrato de parte de Transportes, tendo en conta que ten o buque Ártabro, de alta tecnoloxía, disposto a partir cara a Canadá xa dende o venres pasado. Está preparado o equipo de 38 técnicos e tripulantes, os medios técnicos e demais trámites... Agora só falta que a Audiencia Nacional poña data para que poida saír a expedición, agora que se lle remitiu a firma do contrato.