Patrocinado porPatrocinado por

Cartos e asesoría de balde para espolear a innovación en pesca

E. A. REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

MARUXA ALFONSO

A consultora Sinerxia convoca un concurso pioneiro a nivel nacional

17 may 2023 . Actualizado a las 04:45 h.

A consultora galega Sinerxia, con ampla implantación no ámbito pesqueiro, convocou un concurso pioneiro a nivel nacional para espolear a innovación tendente a promover o desenvolvemento sostible e os avances no sector, así como a dar con solucións novas que impulsen o crecemento e a sustentabilidade en toda a cadea de valor da actividade. As ideas poden vir de calquera persoa ou equipo que teña un proxecto innovador: emprendedores, start ups, investigadores universidades, organizacións sen ánimo de lucro, estudantes, pemes... En definitiva, pode participar calquera cidadán maior de 18 anos ou entidade que teña «unha proposta creativa e viable relacionada coa innovación aplicada ao sector pesqueiro e a implantación de tecnoloxías de industria 4.0».

As ideas que se aceptarán teñen un campo moi aberto. Poden virar ao redor da sustentabilidade ambiental e social na cadea de valor do sector; novos produtos ou servizos que xeren valor engadido, innovacións na xestión empresarial e a cadea de subministración, melloras tecnolóxicas no mantemento de barcos ou a xestión de frota; novas tecnoloxías aplicadas ao sector pesqueiro incluíndo o uso de drons, sensores, robótica e automatización; melloras na xestión ambiental e a eficiencia enerxética, así como a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro; prácticas máis sostibles na distribución; mellora da rastrexabilidade e transparencia na cadea, incluíndo o uso tecnoloxías de blockchain...

Comité de selección

De decidir cales son as mellores propostas encargarase un comité composto por expertos no sector pesqueiro, así como en tecnoloxía e innovación. Estará Raquel Estévez, conselleira delegada de Sinerxia Consultora; Juan Lago, director de I+D da compañía; Jorge Romón, presidente da Plataforma Tecnolóxica Española da Pesca e a Acuicultura (PTEPA); Rocío Béjar, secretaria xeral adxunta da patronal Cepesca, e Rubén Gayoso, responsable do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMaga). Farao seguindo criterios como o grao de innovación, viabilidade técnica e económica, impacto na sustentabilidade ambiental e social ou o potencial de mercado e xeración de valor agregado...

O prazo para presentar proxectos ao concurso estará en vigor ata o 18 de outubro, despois de que se abrise o día 15 pasado.

As ideas seleccionadas optarán a varios premios en metálico, así como recoñecementos aos que presenten as propostas máis innovadoras e viables. A elixida como máis valiosa recibirá 4.000 euros, 2.000 para a segunda e mil para a terceira.

Ademais, a persoa ou equipo que leve o primeiro premio recibirá un bono de 40 horas (valorada en 4.000 euros) en consultoría e asesoramento técnico de Sinerxia para a posta en marcha do proxecto e ofreceráselle a oportunidade de explotación conxunta do proxecto.