Ana Miranda constata o «parecido razoable» da pesca galega e la irlandesa

La Voz

SOMOS MAR

Cedida

A nacionalista forma parte dunha misión enviada pola Eurocámara a Irlanda para analizar a situación das poboacións costeiras

17 may 2023 . Actualizado a las 04:46 h.

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, é unha das persoas que integran a delegación Comisión de Pesca do Parlamento Europeo enviada a Irlanda para analizar o desenvolvemento de diversas zonas pesqueiras do país. Miranda atopou parecidos razoables entre o sector pesqueiro galego e irlandés. Para empezar, aí están «os prexuízos que ambos sofren pola política pesqueira común, co acusado descenso de cotas», apunta a nacionalista, que defende unha modificación da Europa Azul para que esta teña conta a situación socioeconómica do sector.

Outro punto de encontro é que, «en Irlanda, igual que en Galicia, se queixan de que a pesca artesanal e o marisqueo non teña un recoñecemento como deberían». E non acaba a cousa aí, pois o sector tamén amosa as súas inquedanzas polos proxectos de eólica mariña, da mesma forma que acontece en Galiza. «Estas situacións son un claro reflexo de que Bruxelas non entende a pesca, e pola contra no sector existe a sensación de que son criminalizados», denuncia.

Nas reunións celebradas nesta misión da Comisión de Pesca da Eurocámara, na que membros de catro grupos parlamentares diferentes, analízanse tamén as consecuencias do brexit na pesca local. Precisamente Irlanda é un dos Estados membros máis afectados, xa que representa arredor dunha cuarta parte da perda acumulada de cota da UE por volume, cunha perda do acceso ao 15 % do seu cupo anual total.

Malestar polo plan de acción

Pola súa parte, Ana Miranda, neses encontros, explicou as continuas protestas mantidas polo sector pesqueiro galego contra as decisións da Comisión Europea que afectan negativamente á pesca galega. Tamén fixo mención á demonización de determinadas artes de pesca por parte de Bruxelas, como o arrastre e a pesca de fondo. Sinalou tamén a necesidade de protexer os ecosistemas mariños, as rías e os mares pero tamén da xente que vive do mar, como mariñeiros, pescadores, mariscadoras ou redeiras.