Anfaco resalta o vínculo de Fernández del Riego coa industria conserveira galega
SOMOS MAR
A patronal conserveira rescata unha das últimas intervencións do homenaxeado, que durante máis de corenta anos coordinou e dirixiu a Revista Industria Conservera
16 may 2023 . Actualizado a las 20:47 h.Desde 1934, a voz da Unión de Fabricantes de Conservas de Pescados e Mariscos de Galicia, hoxe Anfaco-Cecopesca, fíxose escoitar a través da Revista Industria Conservera. Nas súas páxinas plasmou as inquedanzas, anhelos e os logros de todo o sector no ámbito económico e técnico-científico a través de un equipo humano encabezado por dúas figuras claves de Galicia: unha foi Valentín Paz Andrade, xa homenaxeado o Día das Letras e Francisco Fernández del Riego, que o é este ano e que, ademais, foi coordinador e director da revista da patronal durante máis de corenta anos. Así que Anfaco-Cecopesca e a súa fundación Funpromar súmanse á homenaxe a Fernández del Riego amosando o orgullo que senten «pola súa participación e construción da nosa historia, da cultura das conservas de peixes e mariscos e do mundo do mar, desde o galeguismo que tanto defenderon figuras sobranceiras do seu núcleo vital: Valentín Paz Andrade, Ramón Piñeiro e Xaime Isla Couto».
No ano 2009, con motivo do 75 Aniversario de Revista Industria Conserveira, Francisco Fernández del Riego fixo unha das súas últimas aparicións en público e deixou parte do seu saber e a súa paixón profesional e vital co mundo do mar, unha das facetas máis descoñecidas das múltiples que tiña, onde foi quen de mesturar e fiar e coñecemento histórico, o galeguismo, a literatura e os intereses económicos de Galicia a través da súa colaboración coas empresas conserveiras, recorda Anfaco. A patronal, como homenaxe, comparte o discurso de aquel día.
«O meu vencello co mundo marítimo comeza cando de rapaz ía pasar os veráns ó mar de Foz, non moi lonxe de onde nacín, en San Salvador de Lourenzá, Lugo. Naquel mar de Foz adquirín os primeiros coñecementos dos nomes de peixes e naceu unha paixón que mantería ó longo de toda a miña vida.
Despois da Guerra Civil a vida tróuxome a esta cidade. Santiago, onde cursara a carreira de Dereito e Filosofía e Letras, da que só me resta unha materia, xa non era un lugar seguro para min e Valentín Paz Andrade ofrecérame ser pasante no seu despacho de avogado nesta cidade. Dende aquel día estiven unido a Vigo e ó seu mar, pero aínda non sabía que tamén o estaría profesionalmente. En 1940 ingresei na redacción da revista Industrias Pesqueras dirixida por Valentín Paz Andrade. Os meus escasos coñecementos do mundo marítimo suplinos pouco a pouco coa lectura de revistas especializadas, a portuguesa Conservas de peixe, a francesa La Peche Maritime ou a británica World Fishing. Nas súas páxinas adquirín a información e a formación suficientes para encargarme en Industrias Pesqueras da sección de conservas na que escribía comentarios e recollía noticias do que se estaba facendo nese eido dentro e fóra do país.
Tres anos despois, en 1943, fíxenme cargo da coordinación da revista Industria Conservera que dirixía nominalmente un membro da Unión de Fabricantes de Conserva, principalmente Antonio Massó. Na práctica eu dirixía a publicación e realizaba o labor periodístico, recadaba a colaboración de científicos e especialistas en política conserveira e trataba tódolos temas posibles relacionados co mundo da pesca e das conservas, por exemplo, a crise da sardiña en perigo de extinción das nosas costas, os problemas de abastecemento da folla de lata, o futuro do atún, os formatos, a competencia lusa e marroquí ou a reivindicación constante da necesidade de abrir e recuperar mercados estranxeiros.
Na revista Industria Conservera publicaba editoriais ou comentarios xerais inspirados pola directiva da Unión de Fabricantes de Conserva e sempre baixo o pseudónimo de Alevín, no que indicaba a miña iniciación, fíxeno así durante máis de vinte anos.
É importante que destaque a verdadeira revolución na industria conserveira e salgadeira que se produciu nese momento. Desde mediados do século XVIII chegan a Galicia os chamados “fomentadores” cataláns, que veñen a explotar a costeira da sardiña grazas ás Ordenanzas Xerais da Armada de 1748, que establecen a liberdade de pesca. Os cataláns introducen novas técnicas de pesca (a xávega), un novo sistema de salga (usando prensas) e unha nova organización do traballo. Aínda que nun principio bateron coa oposición de ilustrados como Francisco Somoza de Monsoriú, José Cornide Saavedra ou Frei Martín Sarmiento, eles denunciaban os sistemas de pesca intensivos que ó seu ver esquilmaban o mar. O certo é que os fomentadores conseguiron modernizar esta industria e tirarlle rendibilidade.
Ademais este sector favoreceu a creación de industrias de envases metálicos, de empresas subsidiarias, pensemos nas de cordelería ou embalaxe e foi decisivo na auxe dos estaleiros, pensemos en Vigo en Barreras que se dedicaban nun primeiro momento ás pequenas embarcacións para explotar os recursos marítimos. Polo tanto cómpre darlle ó sector a relevancia que ten, como gran impulsora do tecido industrial moderno en Galicia.
Así o demostran os datos, dende principios de século o crecemento foi constante, de 11 centros conserveiros en 1885 pasáronse a 106 en 1907 e nos trinta anos seguintes o sector multiplicou por sete a súa produción. En 1907 en Galicia existían 363 fábricas de salgadura, 106 de conservas e 38 de escabeche, en total 507 fábricas que daban ocupación a 15.768 persoas. Un total de 507 fábricas das 750 que había en España. Vigo converteuse no primeiro centro conserveiro peninsular.
A industria conserveira estaba en mans dunhas poucas familias das que seguramente non nos resultan estraños os seus nomes, Hermanos Curbera, en Vigo,
Benigno Barreras tamén nesta cidade ou Massó Hermanos en Bueu, pero hai moitas máis. En moitos casos comezaron cunha fábrica de salga e posteriormente crearon as conserveiras que nun primeiro momento eran pequenas fábricas, pensemos en:
1841 Francisco Zulaga y Cía Oza (A Coruña)
1853 Honorato Pelletier (A Coruña)
1856 Alejandro Carrero y Cía (Noia)
1861 Curbera Hermanos (Vigo)
1864 Miguel Cotofre (A Coruña)
1866 Buela y Framil (Vilagarcía)
1872 Peña y Castro (despois López Aldao), de A Coruña
1875 Lázaro Fernández (Pobra do Caramiñal)
1879 Manuel Goday (Vilanova de Arousa)
1880 Caamaño (Noia)
1882 Benigno Barreras Vigo
Conservas Goday 1879 foi a primeira fábrica moderna e de importancia, aínda que será a partir de 1880 cando se produce a grande expansión das conserveiras, cada vez mellor dotadas e espalladas por boa parte da costa galega.
A miña experiencia neste eido foi satisfactoria e moi gratificante, débolle unha singradura tan frutífera a Valentín Paz Andrade que me introduciu neste sector e que colaborou comigo na revista Industria Conservera, a maior parte das ocasións co pseudónimo de Mareiro, en homenaxe ó libro Vento Mareiro do poeta galego Ramón Cabanillas. Tamén a tódolos colaboradores que fixeron posible non só que a revistasaíse, senón que me proporcionaron un ronsel de información inestimable, penso en industriais ou conserveiros como Gaspar Massó, Antonio Alfageme, Manuel Pérez Lafuente ou Quirós, penso en científicos e investigadores como Enrique Otero Aenlle, Benito Rial Fungueiriño, Francisco López Capont, Ignacio Puig, Juan Cuesta Urcelay, L. Gutiérrez Jodrá ou o biólogo José Ma Navaz, en expertos pesqueiros como Domingo Quiroga e en plumas estranxeiras de recoñecido prestixio que en moitas ocasións eu traducín como Elzamann Magalhaes, Eral Dun, Fritz Muller, Henri Cheftel, Joaquim Alves Iglesias, Peter Eller, Rolando Cultrera ou Alfredo Bellido Delgado, este último especialista peruano. Todos eles foron mestres e mastros dun buque que xa ten 75 anos de vida no que eu estiven como patrón ou como mariñeiro, dependendo das necesidades, durante máis de vinte anos.
Grazas por convidarme a este acto, que continúe a singradura e que os ventos sexan portantes!»