Patrocinado porPatrocinado por

Unha mochila cargada de ilustracións e mamíferos mariños

ALFREDO LÓPEZ FERNÁNDEZ

SOMOS MAR

.

EN PRIMEIRA PERSOA | Escribe Alfredo López (Cemma) | Dous arroaces mortos en Ribeira abriron para min unha perspectiva inmensa

15 ene 2023 . Actualizado a las 09:34 h.

Ata os 14 anos, despois de facer os deberes do cole, sentaba na porta da casa ao pé do obradoiro de fontanería do señor Antonio. Aquilo era capaz de facelo polo que lle dixen a miña nai que quería ese oficio. Ela dixo de seguir estudando.

Así cheguei a Bioloxía, en Vigo, que era da Universidade de Santiago (USC), onde me iniciei na disciplina da ilustración científica dun xeito autodidacta. Xa practicaba outro tipo de debuxo e tamén banda deseñada. Este medio de expresión plástica, nas facetas científica e artística, irán en paralelo o resto da miña vida. Nesa época, tamén me integrei no movemento estudantil universitario. Eran os 80 e a USC pulaba por ter unha estrutura de funcionamento democrático, mentres soportaba as tensións que a levaron a dividirse en tres.

Tempo despois, o Carreiro de Aguiño, Ribeira, aquel estraño espigón que une os areais da Tasca e do Castro coas Centoleiras, abría para min unha perspectiva inmensa que non podía nin imaxinar. Era un día solleiro de xuño de 1990, estaba co equipo de Zooloxía Mariña da USC. Realizabamos unha prospección para completar un catálogo de fauna mariña intermareal que eu ilustraba. Xa de volta do intenso traballo, atopamos dous arroaces mortos varados na parte alta da marea.

Foi un encontro crebeiro, azaroso e fortuíto, así é como se descobren as cousas grandes da vida. As incógnitas que aqueles dous corpos inertes xeraron nas miñas neuronas deron lugar a unha intensa investigación que deu paso a un chamamento colectivo.

Nese momento colaboraba co Museo de Historia Natural da USC. Alí realizaba o traballo de ilustración científica para un proxecto do Museo Nacional de Ciencias Naturales de Madrid, o meu primeiro traballo profesional. Dende o Museo da USC como base comecei a visitar a costa e a recoller restos óseos cos que incrementar a súa colección. Daquela chegou información dun cachalote varado en Laxe e alí fun na miña primeira grande expedición para a recollida de material.

No inverno de 1991 realizamos a primeira xuntanza de cetáceos desta nova era, en Compostela. A partir de aí multiplicamos a capacidade da Rede de Varamentos de Galicia, no ámbito da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), legalizada no ano 1992.

As visitas á Costa da Morte fixéronse constantes. Os areais de Traba e Baldaio deviñeron en aula de etoloxía. Alí, os mestres arroaces sorteaban as ondas da rompente, e comezamos a fotografalos e filmalos no que serían os primeiros rexistros de monitorización de cetáceos.

Un cambio de dirección do Museo causou que a CEMMA e a ilustración científica tivesen que camiñar pola beira da vida sen cobertura institucional. A CEMMA, integrada no movemento ecoloxista, e a ilustración, de xeito profesional, como autónomo.  A seguir deu comezo un ciclo de contactos con científicos que precisaban dos servizos de ilustración e desenvolvían traballos que podían complementar moi ben os datos e mostras recollidos dos animais varados. Con esta dupla faceta integreime nun equipo do IIM-CSIC en Vigo, entre 1998-2001. Eses anos foron de grande impulso para a investigación dos cetáceos en Galicia.

.

Varan unha media de 260 animais ao ano, a maioría xa mortos, mais un 10 % chegan con vida, e tanto lobos mariños como tartarugas, son susceptibles de ser recuperados. Dende 1998 recuperáronse moitos exemplares recollidos entre Fisterra e Malpica: Nariga, Beo, Raciño...

Despois do trauma do vertido do Prestige, no 2002, establecéronse os convenios coa Xunta de Galicia para poder asistir á fauna mariña ameazada.

No 2003 lin a tese de doutoramento na USC. Nela falaba do traballo desenvolvido neses anos, e marcou un fito. Puña o ramo de oliveira á relación persoal profesional coas institucións investigadoras e universidades galegas.  Un ano despois, a CEMMA inaugura o local de coordinación de varamentos en Nigrán, onde centraliza o labor para toda Galicia, mellora os medios materiais e abre colaboracións con outras institucións para rehabilitación: Acuario do Grove e o IGAFA da Illa de Arousa.

Moitas veces atopámonos co muro da indiferenza científica e económica, por iso diriximos a mirada cara a Portugal, onde os programas de investigación universitarios permitían máis posibilidades de financiamento para moitos dos investigadores formados na CEMMA. A falla de perspectivas de investigación en Galicia levoume a min mesmo a seguir eses pasos, primeiro mediante unha beca posdoutoral e, actualmente, como investigador auxiliar do CESAM-Universidade de Aveiro. Alá fun coa carpeta das ilustracións e os coñecementos de mamíferos mariños, ambos forman parte inseparable da miña mochila. O meu territorio agora é o mesmo que o da casa das toniñas: as augas galaico-portuguesas.

DNI.

Alfredo López Fernández (Castrelo, Vigo, 1964) é a voz máis coñecida da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños de Galicia (CEMMA). Este doutor en Bioloxía mariña pola USC, forma parte desta agrupación dende a súa creación en 1990 e liderouna dende a súa primeira directiva en 1992 ata o 2011.