Patrocinado porPatrocinado por

Viaxe en papel pola historia da ría arousá

Christopher Rodríguez
cHRISTOPHER RODRÍGUEZ LA VOZ / RIBEIRA

SOMOS MAR

Sainza Pardal

O ribeirense Manuel Gago vén de publicar o seu segundo libro, «Galeóns, vapores e motoras»

14 sep 2022 . Actualizado a las 04:48 h.

As historias de barcos, de mariñeiros e de piratas son algo que a moita xente lle fascina dende que ben pequenos. En ocasións, os apaixonados do mar foxen a lugares afastados para deixar voar a súa imaxinación, pero a verdade é que non é necesario nin sequera saír da ría de Arousa para inundarse en milleiros de aventuras navais.

Isto mesmo demostra Manuel Gago Pérez (Palmeira, 1969) no seu libro Galeóns, vapores e motoras, que foi publicado no mes de agosto. Nel narra a historia da navegación na ría dende finais do século XIX ata mediados do XX, facendo un percorrido polas embarcacións que foron protagonistas durante ese tempo.

O autor ten unha ampla traxectoria marítima, ademais de formación como oficial radioelectrónico de primeira da mariña mercante: «Estiven un total de 20 anos navegando. A metade deles no estranxeiro e o resto en España. Desempeñei a miña actividade case sempre en grandes petroleiros».

Tras isto, Gago pasou dúas décadas no servizo público, exercendo como inspector de seguridade na Capitanía Marítima de Vilagarcía de Arousa, factor fundamental que facilitou o pormenorizado labor de documentación que levou a cabo para o libro: «Tiven unha posición privilexiada para a miña investigación. Ter traballado aí permitiume rebuscar na infinidade de arquivos que me interesaban».

O escritor, como tantos outros veciños da comarca, comezou no mar porque era unha das poucas opcións que había neses tempos, polo que foi testemuña directa de moitos dos feitos que narra no seu libro: «En Palmeira non había moita escapatoria. Daquela non tiñamos moita orientación, víamos o mar pola ventá e íamos para alí. Este tipo de vivencias son de cada un de nós e dos nosos, por iso é importante non perdelas».

Varias motivacións

Ademais da súa bagaxe no mar, outra das motivacións que o levou a mergullarse en Galeóns, vapores e motoras foron os consellos de seu fillo, que o invitou a deixar por escrito os amplos coñecementos que atesouraba na súa cabeza e nun foro de internet: «Díxome que deixara constancia de todo este tema, así non se esquecerían asuntos que en termos históricos aínda aconteceron onte».

 

Un dos seus mentores, o profesor Daniel Castro Garrido, tamén lle propuxo no seu momento que levase a cabo este traballo e púxolle un sobresaínte tras ler o primeiro borrador.

A súa obra caracterízase por unha precisión case cirúrxica no tratamento dos aspectos técnicos de funcionamento, historia e particularidades de cada navío que menciona: «Non destaca polo seu nivel literario, non son moi bo nese sentido. O que si, quixen ser moi rigoroso co tratamento dos datos. Tamén hai espazo para anécdotas que fan máis entretida a lectura».

Trala súa xubilación, Manuel Gago Pérez goza dunha vida sinxela e tranquila na que, ademais de dedicarse á escritura, ten tempo para explotar outros pasatempos como coidar unha horta ou ir á praia durante as tardes estivais, pero sen descoidar en ningún momento o seu gusto pola lectura e os coñecementos.

O autor é quen de transportar aos lectores a outros tempos coas súas verbas. Unha época pretérita na que Barbanza e a ría de Arousa vivían pendentes do mar. Toda unha sociedade que xiraba en torno ao océano e aos barcos que o navegaban a diario.

O libro Galeóns, vapores e motoras provoca que eses anos, xa pasados, regresen co lector, coñecendo as causas polas que a náutica na comarca chegou a ser o que é hoxe en día. Porque, como explica Manuel Gago, «todo, todo é mar. Os habitantes da ría de Arousa levamos o salitre nas veas».

Máis obras. Aínda que Manuel Gago é un auténtico experto naval, «Galeóns, vapores e motoras» non é a súa primeira obra literaria. No 2019, publicou outro libro no que tamén fai un percorrido por etapas pasadas da comarca, pero esta vez relacionado co deporte, «A historia do fútbol de Palmeira».