Patrocinado porPatrocinado por

Mar explica a pé de praia aos turistas que o marisco non se pode levar para a casa sen máis

leticia castro O GROVE / LA VOZ

SOMOS MAR

Mónica Irago

A iniciativa «Do mar, vívese», trata de poñer coto ao denominado «furtivismo de bañador»

29 jul 2022 . Actualizado a las 04:47 h.

A Xunta lanzou onte unha nova campaña a pé de praia para sensibilizar aos visitantes sobre o traballo do sector marisqueiro, a fin de evitar o que se denomina furtivismo de bañador. A praia de Area da Cruz, no Grove, foi a elixida para presentar a acción Do mar, vívese, que se desenvolverá nun cento de areais galegos ata outubro. O acto contou coa presenza da conselleira do Mar, Rosa Quintana, que tivo a ocasión de comprobar como os bañistas se achegaban ata o posto instalado na mesma area en procura de información sobre o traballo do marisqueo a pé. Quintana aproveitou para lembrar que hai 3.700 persoas que se dedican a este oficio en Galicia, «que teñen un permiso de explotación, sementan, coidan as zonas e pagan impostos polo seu traballo», polo que é de vital importancia concienciar aos cidadáns sobre os prexuízos que leva a extracción ilegal de marisco. Polo visto, existe bastante descoñecemento ao respecto, tanto sobre o oficio como sobre a prohibición de capturar calquera tipo de crustáceo que se poida topar á beira do mar ou nas rochas, por exemplo. «Ás veces dáse o caso de que a xente que nos visita e que non coñece as nosas fórmulas de traballo ve algún destes mariscos na praia e pretende levalos para comer na casa — sinalou Quintana— e hai que explicarlles que diso viven moitas familias, que ademais se dedican a coidar o entorno».  

É precisamente na tempada de verán cando o sector obtén un terzo dos seus ingresos anuais, segundo indicaba a representante do Goberno galego. Máis alá da vertente económica, o furtivismo tamén supón un problema medioambiental, «porque prexudica o ecosistema», e de saúde, algo que pasa por alto unha boa parte da poboación, «pois non está a pasar ningún tipo de control que o avale», subliñou a conselleira. En definitiva, o que se procura é involucrar aos turistas na posta en valor do traballo das mariscadoras, promovendo tamén unha xestión sostible dos recursos.

A conselleira quixo salientar, por último, que na anterior campaña, de xuño a setembro do 2021, realizáronse máis de 400 inspeccións nos areais que derivaron en máis de duascentas actas de presunta infracción.