Patrocinado por

Conspiración verde-azul, a nova linguaxe pesqueira

Torcuato Teixeira SECRETARIO XERAL DE FREMSS

SOMOS MAR

cepesca

17 may 2022 . Actualizado a las 08:39 h.

Tal vez debamos de deixar de falar tanto de RMS (rendemento máximo sostible), mortaldade por pesca, nivel de biomasa, normas de control, TAC (totais admisible de capturas) e cotas, e outras verbas que empregamos habitualmente as persoas vinculadas ao sector pesqueiro, e debamos empezar a usar outras que xa están na boca dalgúns pescadores a pequena escala de Sudamérica, pero que deberían converterse en universais, sobre todo, en relación aos pescadores da Unión Europea e, en especial, aos maltratados pescadores galegos.

Efectivamente, como dicía o filósofo Ludwig Wittgenstein, «os límites da miña linguaxe son os límites do meu mundo» e, como sector, deberiamos ir ampliando novos termos sen esquecernos dos que xa temos.

A realidade obríganos a que podamos definir unha serie de acontecementos que nos derradeiros tempos teñen tomado un gran impulso e que van orientados ao mesmo fin: acabar co sector pesqueiro en pro duns obxectivos, en teoría indiscutibles, como poden ser a sostibilidade medioambiental ou a loita contra o cambio climático, pero que se empregan cunha impúdica demagoxia.

Empezaría pola locución «conspiración verde-azul», definida xa por colegas doutros lares como ‘aquel acordo informal entre varias persoas ou organizacións para facer algo involuntario ou intencionadamente incorrecto, daniño ou ilegal para os pescadores, no nome da economía azul, o crecemento azul, ou a transición enerxética.

Seguiría polo xiro «intimidación ecolóxica», definido tamén por outros colegas como un ‘intento deliberado de molestar, danar, intimidar ou coaccionar a pescadores a través dun comportamento verbal, físico ou social repetido que se xustifica como necesario para protexer ou conservar o medio mariño e ou costeiro'.

E engadiría un da miña propia colleita, que é o de «apatía política-pesqueira». Dise ‘daquela xestión política do sector pesqueiro no que se prescinde da defensa dos pescadores e da súa importante labor económica e social, deixando esmorecer a este sector sen a más mínima consideración'.

Son termos que deberiamos empregar para definir a realidade no que este sector se está a ver un día si e outro tamén, ben sexa vía Comisión de Pesca, organismos internacionais de toda pelaxe, algunhas oenexés medioambientalistas e algún político con responsabilidades que non acaba de saber o importante que é e deberá ser este sector para loitar contra ó cambio climático, subministrar a poboación alimento sostible e saudable e garantir a nosa soberanía e seguridade alimentaria. Tal vez así, no sector podamos tamén rachar algún dos límites que nos autoimpomos, e, de paso, saírnos tamén desa contaxiosa apatía que tanto dano nos fai.