Patrocinado porPatrocinado por

Que se nos faga valer

Rosa Quintana CONSELLEIRA DO MAR

SOMOS MAR

María Pedreda

18 feb 2022 . Actualizado a las 04:52 h.

Non é necesario atravesar un océano enteiro para sentir a miles de quilómetros de distancia o efecto devastador que en moitas ocasións provocan as ondas do mar. Golpean con demasiada forza cando se trata de arrastrar canda elas as vidas de persoas que se teñen entregado con sacrificio a unha humilde e exemplar profesión.

Galicia enteira leva desde o martes en vixilia mirando cara Terranova agardando toda canta información nos vai chegando procedente de alí, onde o buque Villa de Pitanxo foi a pique deixando a flote un mundo de preguntas e orfas a demasiadas familias. Non é a primeira vez que sentimos na nosa pel o ardor que deixa a auga salgada sobre as feridas, pero non deixa de ser certo que a fenda que provoca este naufraxio abre en canal a Galicia e mais a 24 familias.

Como conselleira do Mar, pero especialmente como Rosa, é o que peor levo ás miñas costas, a dor que sinto como propia de todas esas persoas, familiares directos e amigos, que ven como un dos seus non vai volver a terra mentres o mar de preguntas non fai máis que medrar deixando en suspensión unha mestura entre rabia e impotencia.

Transcorridos dous días desde que o salto da radiobaliza fixo saltar polo aire as esperanzas dos que nos ten tocado vivir xa demasiados naufraxios, Canadá comunica ao Goberno de España que, seguindo uns protocolos difíciles de comprender para Galicia, a busca se suspende definitivamente. Os que temos a desgraza de saber o que isto significa para quen agarda en terra, demandamos que se nos faga valer entre iguais ante un suceso que nos fire de cheo a distintas comunidades que trascenden á galega e golpean coa mesma intensidade a irmáns canarios, andaluces, peruanos e ghaneses que un día viñeron aquí atraídos pola hospitalidade que outrora nos deu a nós acubillo noutros lugares do mundo.

Como representantes públicos, preparámonos para os días duros que están por vir facendo canto está nas nosas mans para reducir á mínima expresión o rosario de trámites que este tipo de circunstancias adoitan levar aparellados e evitar ás familias facer máis duro aínda, se iso pode caber nestas circunstancias, un loito para o que, como seres humanos, ninguén nace preparado. Nin sequera o equipo de profesionais que estes días atenden con todo o cariño que a situación o permite a quen sabe que, por moitas palabras de consolo que se lle trasladen, permanecerá para sempre mirando cara as xélidas augas de Terranova. Nunca me resultou fácil amosar enteireza e serenidade ante calquera naufraxio por razóns evidentes, pero esta vez, ademais, as dimensións do sucedido fan imposible, xa para sempre, o alivio.