Patrocinado porPatrocinado por

Lino Sexto, Gardacostas de Galicia: «Hai furtivos cunha infraestrutura perfectamente organizada nas rías»

Marcos Gago Otero
MARCOS GAGO PONTEVEDRA / LA VOZ

SOMOS MAR

Lino Sexto, responsable del Servizo de Gardacostas de Galicia
Lino Sexto, responsable del Servizo de Gardacostas de Galicia CAPOTILLO

A vixilancia no mar e por terra céntrase en por fin á actividade das bandas

30 ene 2022 . Actualizado a las 01:55 h.

O Servizo de Gardacostas de Galicia, do que Lino Sexto é subdirector xeral, combate o interese especial que teñen os furtivos nas Rías Baixas para a actividade marisqueira ilegal.

—Como foi o 2021 no furtivismo para as Rías Baixas?

—Foi un ano como calquera dos outros, sen unha diferenciación significativa ou que nos chamara a atención. Foi unha cousa como os anos anteriores, quizais con algo máis de incautacións, comisos ou inspeccións. Con respecto ao ano 2020 houbo algo máis de actividade, pero tamén ese foi un ano un pouco raro.

—Cal é a situación do furtivismo nas Rías Baixas na actualidade?

—Seguimos tendo os mesmos problemas que tiñamos e nas mesmas zonas practicamente, como en Cabo de Cruz, ou no percebe de Baiona. O problema dáse nas zonas habituais e desgraciadamente moi similar a anos anteriores.

—Como se pode ir a mellor?

—Pois eu estou convencido de que a única maneira que hai é que se conciencie a sociedade de que non se adquiran os produtos de forma antirregulamentaria. Cústame moito traballo comprender como aínda agora hai xente que compra vieiras pola rúa, pero haina, porque hai quen as vende e quen as colle. E co tema do percebe tres cuartos do mesmo. Temos xente que leva toda a vida na mesma actividade. Non pagan as sancións e algúns están incursos en temas xudiciais, pero non afrouxan tampouco. É un tema que require unha presión constante e unha concienciación por parte da cidadanía. Mentres haxa quen compre, sempre haberá quen venda.

—Cre que é necesaria algunha reforma legal para ter algún instrumento máis ou co que hai é suficiente?

—Están saíndo xa sentencias nas que se vai vendo un cambio de tendencia, na que xa se vai apartando a xente das zonas e se lles prohibe traballar nelas. A ver se a cousa vai por ese camiño, pola parte disuasoria. Agora xa digo que o principal é tratar de cortalos cauces de comercialización ilícita.

—Por se alguén aínda non se dera por aludido, ¿a que se expón alguén que vende ou compra produto furtivo?

—Sobre todo están xogando coa saúde das persoas. Dos percebes dinche que non teñen problema pero, de onde saíron? En que condicións estiveron almacenados antes de estar á venda? O mesmo falamos das ameixas ou dun tema tan preocupante como as vieiras porque as vieiras hai que collelas nunhas zonas moi estudadas co índice de toxina que teñen. Necesitan un proceso de evisceración e unha serie de controis que os que as compran por aí aos furtivos non teñen.

—O furtivismo na ría de Pontevedra está profesionalizado en bandas ou iso xa pasou?

—Si, cada vez parece que a xente está máis formada neste campo porque teñen un sistema de control. Están moi atentos a todas as xogadas porque se os collemos nós, a policía ou os gardapescas saben que suponlles un serio prexuízo. Xa non pola parte das sancións que lles poidan caer, senón porque lle sacas o traballo dese día, os neoprenos e os apeiros e iso sempre lles supón un custe. Teñen unha cantidade de controis exhaustivos. Vixían os transportes na estrada, porque se aprecia que van en coches lanzadeira que van diante deles. Teñen unha infraestrutura porque isto move cartos e iso fai que sexa atractivo.

—Isto sobrepasa ao típico furtivo illado que apaña uns cubos de ameixa para vendelos por detrás.

—Efectivamente, non é iso. Ese tipo de actividade tamén a hai, xente con problemas de drogadicción que collen para vender, pero iso non son os que son problemáticos realmente. Os problemáticos son os que teñen unha infraestrutura perfectamente organizada, coa que sacan moitos cartos. Iso está claro.

—No 2021 teñen desarticulado algunha organización deste tipo.

—Si, si que se atacou de forma contundente a uns da zona de Baiona, que ían ao percebe, e da zona de Pontevedra e Raxó tamén se retirou xente que estaba con estas actividades dunha forma moi ben organizada. E non che digo nada da zona de Boiro ou Cabo de Cruz, onde hai auténticos profesionais desta actividade incluso con embarcacións.

—Hai transvase de furtivos dunha ría a outra ante a presión dos gardacostas?

—Si, van onde pensan que lles é máis fácil e é onde traballan. Nótase tamén que na zona de Arousa ven xente de Noia, porque en Noia as confrarías teñen gardapescas moi importantes e os furtivos móvenese a onde non les sexa tanto problema.

—Que tal respecta o sector profesional a lei? Hai furtivos entre eles?

—Non cabe dúbida de que si os hai. A diferenza dos outros, os profesionais teñen medios cos que responder e cada vez que se collen fóra do seu camiño, loxicamente, se lles sacude cunha sanción como non pode ser doutra forma. Como o levan? Pois imaxínome que mal cando os colles fóra do seu camiño, pero eles son conscientes de que se fan unha cousa que non se pode facer e son sorprendidos xa saben que van ter que responder.

«Chegouse a roubar mexillón das bateas»

Os frontes abertos na loita contra os furtivos na provincia son múltiples e van máis alá do mar.

—Cales son os produtos favoritos dos furtivos?

—Pois dependendo dos momentos o que teña maior aceptación no mercado e o que teña maior prezo. Soe ser normalmente o camarón, o percebe ou a nécora, de todo. Chegouse nun momento determinado a roubar nas bateas para levar o mexillón como ocorreu na zona sur da ría de Arousa, onde se levaron incluso cordas.

—Cal é a función dos gardacostas no interior da provincia? Dígoo porque para a maioría da xente este servizo semella estar sempre pegado ao mar.

—Principalmente é de dous tipos. Trátase de controis de estrada e tamén na comercialización como os restaurantes, as prazas de abastos e os sitios onde se vende produto. Nos comisos que se fan no interior da provincia soen ser sobre todo transportes de ameixa que viña de Portugal.

—É ilegal traela de Portugal?

—A ameixa de Portugal non ten problema sempre que veña legalmente e con toda a documentación e a trazabilidade que lle corresponde. Estamos dentro da Unión Europea e hai libre circulación tanto de persoas como de mercancías. Sempre que veña como esixen as normativas española e portuguesa non hai problema. O que pasa é que en Portugal tamén teñen problemas de furtivismo e os que o fan saben que en Galicia hai un mercado onde poder colocalo e tamén o traen para aquí.

—Nas lonxas ou nas prazas de abastos, tamén se dan casos irregulares como etiquetaxes equivocadas?

—Si, se teñen atopado pero non é unha práctica moi habitual. Hai veces que se ten detectado que pon «nécora da ría» e está en veda e realmente ven de fora. Iso tennos pasado e temos que dicirlle ao vendedor que non se pode enganar ao consumidor, e entón levantamos actas con este tema por camuflar un produto.