Patrocinado porPatrocinado por

Mar aproba 16 plans de xestión para as confrarías do sur da ría de Arousa

La Voz VILAGARCÍA

SOMOS MAR

MARTINA MISER

O Grove lidera o ránking con sete plans, seguido de Cambados, A Illa e Vilanova, que quedan autorizados para extraer percebe, ourizo de mar, navalla, algas, anemones e poliquetos

01 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Consellería do Mar vén de aprobar un total de 156 plans  de xestión de recursos específicos para os próximos tres anos —entre 2022 e 2024— que regulan a extracción por parte dos profesionais do sector de recursos como o percebe, os solénidos (navalla, longueirón e longueirón vello), os equinodermos (ourizo de mar e holoturias como o carallo de mar), a peneira, as algas, as anemones e os poliquetos. Do total, 16 corresponden ás confrarías do sur da ría de Arousa: dous plans de percebe para O Grove, catro de solénidos e outros catro de algas autorizados ás confrarías de Cambados, O Grove,  A Illa e Vilanova, un de equinodermos para O Grove, dos de anemones para A Illa e O Grove e tres de poliquetos para Cambados, O Grove e Vilanova.

Trátase dos primeiros plans de xestión de recursos específicos cunha vixencia trianual e todos eles aparecen recollidos na orde que publicou onte día 31 o Diario Oficial de Galicia, día no que tamén se produce a súa entrada en vigor.

Deses 156 plans de xestión aprobados, 149 corresponden a confrarías de pescadores ou entidades asociativas do sector e sete a empresas que se dedican á transformación ou comercialización de algas mariñas. Por provincias, a que conta con máis plans é A Coruña, con 82, seguida de Pontevedra, con 56, e Lugo, con 15. A eles engádense tres plans de algas que teñen autorizada a recollida nun ámbito supra provincial.

Por recursos, o que conta con máis plans aprobados é o percebe, con 37, seguido das algas (28), dos solénidos e dos equinodermos, con 25 cada grupo, das anemones (20), dos poliquetos (18) e da peneira (3).

«Estes primeiros plans de xestión de recursos específicos trianuais contan con obxectivos biolóxicos, ecolóxicos, económicos e sociais a tres anos, que no caso dos socioeconómicos consisten na mellora dos ingresos e o mantemento ou creación de emprego mediante a incorporación de novos profesionais, o que contribuirá a dinamizar a economía na costa galega», segundo informa a Consellería do Mar.

A previsión para o ano 2022 é de incorporar un máximo de 76 novos participantes aos plans de xestión a pé e o outorgamento de novas modalidades a 62 embarcacións e 223 habilitacións (tripulantes) no caso dos plans desde embarcación, o que suporía a creación de arredor de 300 postos de traballo.

No caso dos obxectivos ecolóxicos, destaca a participación do sector na recollida de lixo mariño pois o 69 % dos plans inclúen este tipo de actividades, «o que demostra o elevado grado de implicación dos profesionais do mar na protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños».

Os plans de xestión tamén prevén actuacións de limpeza de algas ou elementos prexudiciais para o medio mariño que son necesarias para evitar efectos negativos nos recursos.

Unha das novidades dos plans é a posibilidade de reservar nos plans de percebe zonas de extracción de semente de mexillón (ou mexilla) como medida de protección do recurso marisqueiro, unha posibilidade que se inclúe en 14 dos 37 plans de percebe aprobados para o período 2022-2024 e que corresponden a doce confrarías de pescadores. Deste xeito, neses 14 plans hai zonas nas que se pode extraer tanto percebe como mexilla (zonas de reserva para a extracción de semente de mexillón) e outras nas que só se poderá extraer percebe (zonas de explotación exclusiva de percebe).

«O resultado desta medida de protección do percebe en zonas concretas do ámbito dos plans de xestión é que en preto do 84 % da costa galega dispoñible para a recollida de mexilla se pode extraer este recurso mentres que o 16 % restante queda acoutado de xeito exclusivo para o percebe.

Aínda que a nova regulación establece que os plans son plurianuais, nos vindeiros anos poderán aprobarse novos plans de xestión de vixencia inferior a tres anos co obxectivo de responder ás iniciativas do sector para xestionar novos recursos, zonas principais de traballo ou o emprego de novas técnicas ou artes regulamentarias coa finalidade de determinar a súa viabilidade antes de que sexan incorporados como plans trianuais.

Ao igual que en anos anteriores, as entidades asociativas que así o recolleron nos seus plans de xestión reservan zonas para que os titulares de licenza de pesca marítima de recreo en superficie poidan capturar un máximo de 50 poliquetos ao día sen interferir coa actividade extractiva. As zonas reservadas polas entidades asociativas do sector para este fin publicaranse na web https://www.pescadegalicia.gal/gl/poliquetos.