Patrocinado por

Os trogloditas e o colonialismo azul

Torcuato Teixeira REPRESENTANTE DO CONSELLO GALEGO DE PESCA NO OBSERVATORIO DA EÓLICA MARIÑA

SOMOS MAR

PEPA LOSADA

15 nov 2021 . Actualizado a las 05:10 h.

Os pescadores galegos, asturianos, cántabros e vascos, alzan a súa voz en Burela para defender o seu xeito de vida e os ecosistemas dos que viven e tamén gozan e, de súpeto, varios volcáns políticos entran en erupción pola sorpresa de que a pesca do Cantábrico Noroeste no seu conxunto —pequenos, grandes, artesanais, arrastreiros, cerqueiros, etcétera— avise á opinión pública de que ante todo vai defender que o mar siga a servir para provernos de alimentos tan nutritivos e saudables como son os nosos peixes e mariscos.

Os pescadores somos os primeiros valedores dos nosos mares, levamos anos vivindo deles de xeito sostible no Cantábrico e non queremos converter agora a nosa costa nun polígono industrial, coloreado de verde e azul, para que as solidarias empresas enerxéticas que proxectan a colonización dos nosos mares fagan o seu agosto a costa dos nosos ecosistemas e do sector pesqueiro.

 

Superclusters bendicidos polas Administracións, proxectos privados sen ningunha consideración cos ecosistemas e sector pesqueiro... Todos apuntan ao mesmo lugar, que é esta escasa pero rica plataforma continental, onde, por exemplo, en Galicia ten unha anchura apenas entre 25 e 35 quilómetros, nada que ver coas extensas plataformas do mar Báltico ou do mar do Norte. E pese a iso, temos tamén mais de 70 caladoiros de pesca, onde traballan so en Galicia máis de 4.000 buques con máis de 10.000 tripulantes. Si, aínda somos unha gran potencia pesqueira e parece que iso, lonxe de ser unha bendición, semella que para algúns pode ser un problema.