Patrocinado porPatrocinado por

Escola de marisqueo na praia de Riasón

Rosa Estévez
r. estévez A ILLA / LA VOZ

SOMOS MAR

CEDIDA

A rapazada de sexto de Primaria da Illa traballará este curso un pequeno viveiro cedido polo sector 

22 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Na Illa de Arousa é difícil non tropezar co mar. E resulta complicado, tamén, atopar familias nas que falte alguén que traballe na seca, ou na flota do raño, ou na batea. Malia todo iso, a equipa docente do colexio Torre-Illa ten detectado que moita da rapazada que se forma neste centro non coñece esa realidade que cada día se constrúe na ribeira, na lonxa, nos peiraos, nas súas propias casas.

«É sorprendente, pero hai cativada na Illa que non distingue os distintos tipos de ameixa», comenta o patrón maior da Illa, e presidente da OPP-20, Juan Rial Millán. As entidades ás que representa participan co colexio nun proxecto ben curioso: o sector tenlle cedido ás aulas de sexto curso unha parceliña no mar, na praia de Riasón. Un viveiro cativo no que o pasado luns se verteron sementes de ameixa. Do alumnado dependerá, a partir de agora, coidar dese marisco. Limparlle as algas, espantar aos depredadores, e ao mesmo tempo aprender a respectar un traballo que teñen moi preto pero que moitos descoñecen. Contan coa total colaboración da confraría e a OPP-20: os seus responsables aseguran estar encantados coa aposta realizada polo centro de Primaria da vila.

O respecto ao medio, a quen o traballa, aprender por que é tan importante coidar o entorno no que se moven día a día, é só unha parte do moito que se espera que a rapazada aprenda no viveiro de Riasón. Porque a través das súas incursións nese espazo de traballo e natureza, tamén se achegarán a materias como as matemáticas -hai que comprobar canto medran as ameixas, o seu peso- ou as ciencias naturais e sociais. É moito o que se pode aprender cos pés na ribeira!

A actividade da rapazada de sexto forma parte do proxecto de centro elixido para este ano, e que vai xirar arredor do mar e da pesca sostible. Elixiuse ese tema de traballo global co gallo da celebración, no 2022, do ano da Pesca Sostible. Arredor dese argumento, os distintos grupos de idade desenvolverán actividades que lles permitirán tocar os máis diversos ámbitos sen perder de vista ese mar que o rodea todo na Arousa.