Patrocinado porPatrocinado por

Rosa Quintana, conselleira do Mar, visitou onte os modernos portos de Burela e Celeiro

La Voz BURELA-VIVEIRO/ LA VOZ

SOMOS MAR

Asistiu á única subasta de peixe do mundo na que un ordenador canta os prezos

05 ago 2021 . Actualizado a las 18:52 h.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou onte os portos de Burela e de Celeiro. Constatou a innovación da lonxa burelense «que conta cun dos sistemas de poxa máis modernos e avanzados do mundo», tal como afirmou a conselleira.

Hai que lembrar que o centro de venda da lonxa burelense conta cun procedemento automatizado de adxudicación dos lotes no que un ordenador vai ‘cantando’ as cotizacións e os compradores mercan pulsando o botón dun mando que cada un deles ten preasignado.

Rosa Quintana tamén destacou que «a instalación deste mecanismo de poxa contou cunha axuda da Xunta de máis de 160.000 euros concedida no marco da convocatoria de achegas deste ano ao grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de A Mariña-Ortegal.

A titular da Consellería do Mar anima a todo o sector a apostar «por este tipo de melloras que contribúen a optimizar o labor dos profesionais do mar e a impulsar a competitividade dos portos», manifestou.

Rosa Quintana, que comezou onte a súa visita á lonxa de Burela de madrugada, tamén comprobou o estado das obras de reforma da nave de redes burelense. Posteriormente trasladouse ata Celeiro, en Viveiro, e alí avaliou as melloras previstas nos pantaláns da frota de baixura de Celeiro ao tempo que mantivo un encontro cos representantes do sector pesqueiro local, de Puerto de Celeiro e da Confraría de Pescadores.