Patrocinado porPatrocinado por

Atila disfrazado de parques eólicos mariños

Torcuato Teixeira Valoria REPRESENTANTE DO CONSELLO GALEGO DE PESCA NO OBSERVATORIO DA EOLICA MARIÑA DE GALICIA

SOMOS MAR

IBERDROLA

18 jul 2021 . Actualizado a las 13:26 h.

Vivíamos neste país os pescadores só pendentes dos sobresaltos que nos viñan de Bruxelas cada mes de decembro, cando se acordan os totais admisibles de capturas (TAC) e cotas que lle corresponden a España e por ende á frota galega. E seguiremos vivindo cada mes de decembro con esa angustia que supón adoptar acordos de xestión sobre os stocks pesqueiros sen ter en conta o seu impacto social e económico, o que conleva que ano a ano cada vez teñamos menos unidades pesqueiras, pero os que quedan non por iso viven mellor como incluso chegaban a dicirnos, senón que sinxelamente sobreviven á espera de ser os seguintes a pasar polo cadalso dos despezamentos.

Pois, por se xa non tiveramos dabondo, outra nova ameazada moi ben disfrazada de fermosos adxectivos como sostible, verde, etcétera aparece no horizonte: trátase dos parques eólicos mariños que algunhas empresas pretenden instalar nas nosas costas como xa fixeron noutras zonas marítimas como o mar Báltico ou o Mar do Norte, onde as súas amplas plataformas continentais e unha presenza de flota que nada ten que ver co que temos nas costas galegas facilitou a instalación de ditas industrias.

O sector pesqueiro galego leva acreditando moitos anos a súa sostibilidade explotando uns recursos que levan permitido a moitas xeracións de pescadores vivir do mar e ser os grandes fornecedores de proteína saúdable e sostible aos nosos mercados e a outros mercados foráneos.

Por iso calquera impacto, por mínimo que sexa, sobre o sector pesqueiro galego e os ecosistemas que explota sería inadmisible, e tamén insostible, porque non estariamos substituiíndo xeneración de enerxía contaminante emisora de CO2 por xeneración de enerxía verde, senón que estariamos substituíndo a fonte de suministro de proteína animal mais sostible por unhas industrias cuxo impacto nos ecosistemas mariños está pendente aínda de determinar, aínda que os indicios non apuntan a nada bo para os ecosistemas.

Os pescadores non poden ubicarse noutros lugares distintos ós que traballan en perfecto equilibrio todas as artes que coexisten nas costas galegas, non podemos levar os nosos barcos ao mar do Norte ou ter outras alternativas de produción do peixe distintas as actuais.

As empresas que pretenden instalar estes parques en Galicia non son conscientes do peso e importancia que ten a pesca neste país e o podo entender, pois a avaricia ás veces cega, e ven un pastel nas nosa costas que lles pode saír case gratis coas potentes subvencións que veñen da UE. O problema é cando as Administracións tampouco o ven, ou non o queren ver, pero para iso estará o sector para lembrarllo a uns e a outros, e recordarlles a todos que os obxectivos de desenrolo sostible non deben basearse nun uso meramente utilitario da natureza, aínda no suposto de que ese uso fose un uso sostible, nós, os pescadores, levamos anos formando parte da Natureza, integrados como un elemento mais para que nós e aos que veñan diante sigan vivindo da pesca, outros pretende poseela saltándose incluso o principio de precaución, e por aí a pesca non pasará, e defenderemos o medio ambiente e a nosa centenaria actividade, sostible e integradora, fronte alternativas meramente utilitarias e alonxadas dese exemplar equilibrio que practicamos e queremos seguir practicando os pescadores galegos para orgullo deste país.