Patrocinado por

Alfonso Paz Andrade, unha conversación inacabada

Uxio Labarta
Uxío Labarta SOMOS MAR

SOMOS MAR

13 jun 2021 . Actualizado a las 11:43 h.

Un tiña a certeza de que, por tempo que pasara sen vérmonos, chegaría cada ano por marzo a carta ritual de Alfonso invitando a colaborar no número extraordinario de abril de Industrias Pesqueras.

Un chegou a Vigo no 1972 para traballar no daquela Laboratorio de Vigo del Instituto de Investigaciones Pesqueras do CSIC, situado entón na rúa Orillamar 47, xusto por riba de dous talleres emblemáticos do naval, Patouro e a recén nacida Ibercisa, a empresa creada por Alfonso Paz Andrade. Uns meses despois, maio de 1973, con outro compañeiro do laboratorio presentámonos no despacho da rúa Policarpo Sanz, onde estaba sempre Francisco R. Vidales, para coñecermos a don Valentín Paz Andrade.

Escribo isto e teño diante unha fotografía de Alfonso co seu pai, aló por 1970, nunha conferencia internacional sobre o arrastre en Reykyavik. 1970, o ano de creación de Ibercisa, e tamén o ano de publicación de La marginación de Galicia.

Logo foi a World Fishing primeira, a de 1973, traída da man de Alfonso Paz Andrade alí a Bouzas. E mais logo encontros e falas. Ben ao redor do novo proxecto do Galicia e o Instituto Galego de Información, o soño de Díaz Pardo, pretendendo continuidade con aquel outro xornal dirixido por Valentín que se debía ler «porque es el diario de todos los buenos gallegos». Ben nos encontros ventureiros das mañás de sábado por Montero Ríos e os peiraos do Náutico. Tamén argallando con Alberto Meixide, no comezo do século, para organizar o que foron os Foro de Pesca Valentín Paz Andrade, entre Industrias Pesqueras e o Centro de Investigacións Económicas e Financeiras CIEF da Fundación Caixagalicia, dedicado á análise e ó debate do mar galego.

Mais a ultima conversa inacabada viu da man das súas actividades como empresario que contribuíu á internacionalización da grande empresa pesqueira e a súa consolidación, e da miña curiosidade por saber. Falaba Alfonso, hai apenas un mes, de como nacera a primeira empresa mixta galega da pesca. Fora aló polo 1979, nun Mozambique independente de Portugal e gobernado polo Frelimo. Alfonso andaba a convencelos de facer esa joint venture, na que non foi menor o papel dun chileno exiliado da ditadura pinochetista, Sergio Basulto, que era director xeral de pesca daquel Goberno mozambicano. Foi a empresa Pescamar, aló en Beira, cunha participación do 30 % do Goberno de Mozambique e o 70 % de Pescanova, a primeira empresa mixta que se creou.

Alfonso matizaba que a Sea Harvest era unha empresa sudafricana, mesmo de capital galego, creada no 1965, mais non unha empresa mixta.

Alfonso Paz Andrade salientaba a importancia do decreto de 1979 de Vítor Moro nese desenvolvemento da pesca galega nos mares de fóra. Tamén analizaba por que a pesqueira de calamar de Boston tivo que se deixar ante a esixencia de EE. UU. que só autorizaba a pescar nas súas augas aos buques construídos nos EE. UU. E coma iso trouxo explorar os caladoiros das Malvinas, unha outra andaina sobranceira da pesca galega na que Alfonso citaba a Dick Soul.

En calquera caso a Televisión de Galicia pode que garde nos seus arquivos un programa Encontros con Alfonso Paz Andrade sobre tales sociedades mixtas e a pesca dos mares de fóra, do que unha nova emisión podería ser homenaxe a súa memoria, e dar tamén continuidade a unha conversa dolorosamente inacabada.