Patrocinado porPatrocinado por

Batéate, dous anos achegándolle á mocidade o traballo do mexillón

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

SOMOS MAR

MONICA IRAGO

A gala final do programa que procura que a xente nova volva a súa ollada cara o mar celebrouse en Vilagarcía

22 may 2021 . Actualizado a las 20:59 h.

O edificio do Mexillón de Galicia, en Vilagarcía, acolleu este venres a gala final de Batéate, atopa o teu lugar no mundo, un programa desenvolvido por Opmega co fin de conseguir que a mocidade volva a súa mirada cara o mar; que pensen nel coma unha saída profesional máis. Dende Opmega teñen explicado, unha e outra vez, que cada vez resulta máis difícil fichar novo persoal para o traballo das bateas, e en reverter esa situación anda agora a principal organización de produtores de mexillón de Galicia, presidida por Ricardo Herbón.

O acto de clausura foi dirixido -xa fóra así o ano pasado- por Carlos Blanco e Marco Fernández (WithZack) . No evento, semipresencial, fíxose entrega dos premios aos gañadores do certame desenvolvido desta volta en varios centros de ensino secundario de O Barbanza. Nel participou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, que calificou como «moi importante» que o propio sector se implique na busca de xente nova que se adentre no camiño do traballo do mar e, máis en concreto, da miticultura. Durante a súa intervención, a conselleira fixo fincapé na necesidade de facer atractiva ás novas xeracións a actividade da cadea mar-industria co obxectivo de impulsar a remuda xeracional. A titular de Mar tamén fixo fincapé na formación «como piar fundamental para asegurar un mellor porvir para o sector» e puxo en valor o papel das escolas de formación como o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), o Instituto Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo e as escolas oficiais náutico-pesqueiras de Ferrol e Ribeira, dependentes da Consellería do Mar. A función destes centros, incidiu a conselleira do Mar, é clave para contar con persoal preparado que contribúa a que Galicia manteña a súa competitividade no eido marítimo-pesqueiro e para sacalas adiante foi necesario un importante esforzo económico. Isto reflicte que a formación é unha materia clave para a Consellería do Mar e tamén para a Unión Europa, que no seu último Programa Operativo do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca destinou a Galicia sete millóns de euros, sinalou Rosa Quintana.

En canto á campaña Batéate, atopa o teu espazo no mundo, a titular de Mar subliñou que axuda aos máis novos a coñecer o oficio de mitilicultor dunha forma innovadora e «a por en valor o esforzo que hai detrás de cada mexillón que é recollido».