Patrocinado porPatrocinado por

Ana Pontón avoga por que desde as institucións se dea todo o apoio a Jealsa para iniciar a reconstrución

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

SOMOS MAR

CARMELA QUEIJEIRO

Visitou as instalacións do Bodión acompañada por outros representantes do BNG e polo presidente da empresa

15 may 2021 . Actualizado a las 08:47 h.

Na rolda de visitas que distintos representantes políticos están a realizar a Jealsa para interesarse pola situación das instalacións do Bodión tralo incendio do pasado sábado e os plans da compañía para retomar a actividade, onte foi a quenda da voceira nacional do BNG. Ana Pontón, xunto con representantes da formación na bisbarra, puido coñecer de primeira man as consecuencias dun lume que «nos puxo a todos alerta» e trasladou ao presidente do grupo empresarial, Jesús Manuel Alonso Escurís, o «apoio decidido» do Bloque nunhas circunstancias que cualificou de «complexas». Neste sentido, Pontón avogou tamén por que desde todas as institucións se dea a Jealsa todo o apoio preciso para levar a cabo a reconstrución da súa factoría en Boiro.

A voceira do BNG tamén lembrou a «excepcional» intervención dos equipos de extinción, que actuaron «coa máxima rapidez e profesionalidade» para frear o avance das lapas, ao tempo que trasladou a mensaxe de optimismo cara o futuro manifestada pola dirección da empresa: «Esta crise ten que ser unha oportunidade para que Jealsa saia fortalecida do que deixan as cinzas deste incendio».

Motor industrial

Unha terceira reflexión de Ana Pontón sinalou á empresa boirense coma un dos motores industriais, non só de Barbanza, senón de Galicia e «é necesario todo o apoio das institucións para iniciar ese proceso de reconstrución e empezar tamén un novo proxecto que permita fortalecer un sector básico como é a conserva e, nomeadamente, a unha empresa emblemática como é Jealsa». Sinalou que neste sentido «toda a colaboración é básica» e apuntou a liñas de crédito e axudas directas como os instrumentos que permitan fortalecer os proxectos de futuro nos que xa está a traballar a empresa.

Para despedirse, Pontón reiterou o apoio decidido do BNG para que canto antes «se poña de novo en marcha e poida retomarse ao 100 % a actividade deste complexo, que é o corazón industrial de Barbanza e é fundamental non só para esta bisbarra senón para Galiza».