O xuíz inglés Lord Denning adoitaba falar das normas que proveñen da Unión Europea coma «unha marea viva, que inunda os estuarios e sube polos ríos». Aínda despois do brexit, que tanto tivo que ver coa pesca, esta metáfora mariña mantén a súa vixencia.

A última marea normativa procedente de Bruxelas é a reforma do Regulamento europeo de Control de Pesca, que tanta polémica ten levantado na baixura galega. Se ben ninguén discute que o control é necesario, certos aspectos da proposta da Comisión Europea son certamente excesivos e incompatibles coa realidade do sector. Penso na instalación obrigatoria de cámaras de televisión a bordo para o control da obriga de desembarque ou na xeolocalización de todos os buques independentemente da súa eslora e de onde faenen.

Na tramitación do Regulamento de Control no Parlamento Europeo, eu sempre defendín que necesitamos proporcionalidade e gradualidade, tamén no control da baixura e do marisqueo, tan importantes en Galicia, a primeira rexión pesqueira de Europa. Desgraciadamente, as numerosas emendas presentadas en liña co Ditame do Consello Galego da Pesca, tanto en Comisión como en Pleno, non prosperaron pola feroz oposición do Grupo dos Verdes.

Lamentablemente, nótase en Bruxelas un ascenso das forzas políticas nas que prevalece unha visión ecoloxista radical en detrimento dos intereses do sector pesqueiro e as comunidades costeiras. Cada vez é máis difícil traballar para atopar o equilibrio adecuado entre a sustentabilidade ambiental e as dimensións económica, social e de emprego da pesca. Por fortuna, non todo está perdido. Espero que nos vindeiros meses, ao longo das negociacións entre o Parlamento Europeo e o Consello da UE para acordar un texto definitivo, póidanse modificar algúns dos aspectos máis lesivos para os intereses da pesca de baixura e o marisqueo galegos.

Con todo, cómpre non esquecer que o novo Regulamento incorpora tamén aspectos positivos.

Por exemplo, harmonízase a nivel da UE o réxime de sancións por infraccións graves, rematando cos agravios comparativos entre frotas nacionais. A nosa frota, a máis cumpridora da UE, sairá gañando claramente con este aspecto da reforma. O Regulamento tamén avanza na loita contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, así coma no control da pesca recreativa e das importacións de terceiros países. Ademais, contar con datos de capturas máis fiables permitiranos dispoñer de mellores estimacións científicas e, por tanto, de máis cotas pesqueiras.

En calquera caso, a nosa xente do mar non merece ser tratada coma delincuentes. Necesitamos da comprensión, colaboración e apoio do sector para que a nosa pesca siga sendo a máis sustentable do mundo. É tarefa de todas as forzas políticas traballar para contrarrestar os peores excesos da onda verde e garantir que a pesca, o marisqueo, a acuicultura e o sector da transformación sigan sendo industrias fundamentais para Galicia, España e Europa.

Por Francisco Millán Mon Eurodiputado do Partido Popular de Galicia

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

A pesca galega ante a onda verde europea