Patrocinado porPatrocinado por

A Confraría de Celeiro habilita unha web para as visitas virtuais dos rapaces

La Voz de la Escuela

SOMOS MAR

Imaxe de arquivo dunha visita do programa Mariñeiros por un Día ao helicóptero Pesca 2
Imaxe de arquivo dunha visita do programa Mariñeiros por un Día ao helicóptero Pesca 2 CEDIDA

Permite percorrer a lonxa e ver o helicóptero de rescate Pesca 2

17 abr 2021 . Actualizado a las 08:58 h.

A Confraría de Celeiro, en Viveiro, ten claro que debe contar aos rapaces a vida do sector, tan importante neste porto e na costa mariñá. Dende hai anos ten un programa específico para chegar aos colexios, Mariñeiros por un Día, no que os rapaces visitan as instalacións e ata a xoia do servizo, o helicóptero de rescate Pesca II. Pero a pandemia imposibilita as visitas dos nenos, e para que non esquezan a importancia do mar e a súa riqueza, dende Celeiro decidiron levar a confraría ás aulas a golpe de clic.

A web Mariñeiros por un día, o mar nun clic é unha adaptación á nova normalidade das visitas presenciais, un percorrido vía streaming da lonxa, o heliporto de Celeiro e o taller do Pescador. A rolda segue o modelo das visitas que xa fixeron 5.000 escolares de 130 colexios nos últimos cinco anos. Cambia a forma de facelo, pero non o obxectivo: «Dar a coñecer entre os escolares o sector pesqueiro, da man dos seus profesionais, e difundir o patrimonio e a cultura mariñeira», segundo explican na propia páxina da confraría.

O proxecto, que inclúe unhas unidades didácticas para traballar na clase, está pensado para rapaces dende quinto de primaria ata segundo de ESO. A inscrición realízaa o propio colexio poñéndose en contacto coa Confraría de Celeiro no correo reservas@mariñeirosporundia.com.

O programa está aberto a colexios e institutos de toda a provincia de Lugo, e está pensado especialmente para os rapaces que viven nos concellos do interior, xa que moitos deles non coñecen de preto como é o traballo no mar.