Lino Sexto: «Estase vendo xente que nunca na vida se dedicou ao furtivismo»

O subdirector xeral do Servizo de Gardacostas de Galicia prevé un aumento da actividade ilegal para o verán


redacción / la voz

Lino Sexto, subdirector xeral do Servizo de Gardacostas de Galicia, coñece o litoral galego como a palma da súa man. Explica como se está a levar a cabo a loita contra os furtivos na costa en tempo de coronavirus.

-Como valora a situación do furtivismo no ano do covid?

-Seguimos tendo un problema, aínda que durante o 2020 a incidencia foi menor. Houbo menos porque, ao haber un confinamento e ao estar controlando os movementos da xente, notamos menos presenza de furtivos.

-Produciuse algunha diferenza con respecto a outros anos?

-As diferenzas foron significativas no número de xente que podía acudir ás zonas de extracción. Polas noites, co confinamento tamén notamos menos actividade con outro tipo de actos delituosos como pode ser coa vieira. Tendo en conta que estivemos encerrados na casa tres ou catro meses e limitados despois, si que se notou menos actividade.

-Aínda así, houbo casos no confinamento da primavera.

-Si que houbo zonas onde se detectou xente fóra do horario ou do seu concello facendo unha actividade para a que non estaba autorizada.

-Coa hostalería pechada primeiro e a medio gas despois, como vendían o produto?

-Co sistema clásico de porta a porta. É dicir, indo polas casas. É un sistema non custoso, lento, pero que seguiron utilizando.

-Onde se detectou este sistema?

-Na costa e no interior tamén. Non teñen o reparo en desprazarse ata o interior de Galicia.

-Detectaron produto que viñera de fóra, sen guía ou de procedencia ilegal?

-De Portugal si que se controlaron diferentes partidas e se detectou algo, pero sen maiores incidencias. A comercialización do produto non se veu afectada polas restricións porque seguía transportándose sempre e cando viñera con todos os requisitos esixidos pola normativa española e galega.

-Houbo algún produto que fose especial obxecto de furtivismo ou foron os habituais?

-Soen ser os mesmos sempre, non houbo cambios importantes. Hai que ter en conta que o que ten maior valor no mercado é o que é máis atractivo para realizar este tipo de actividades ilegais. Tamén se detectaron algúns casos con temas de mexilla, que é un produto non excesivamente custoso, pero se detectou xente dedicada a apañar mexilla que supoño que sería para vender despois aos bateeiros ou a quen a necesitase.

-Déronse casos na restauración?

-Por norma xeral, a restauración soe cumprir, aínda que sempre hai algún que se pasa. Houbo situacións de atopar nas cámaras frigoríficas ou a disposición xa para consumir produtos que non tiñan a documentación esixida pola normativa vixente.

-Algún caso chamativo?

-Pois houbo un caso nun restaurante con cigalas, por exemplo, que non foron quen de demostrar de onde as sacaran.

-Que prevén para este ano?

-Eu creo que a actividade comercial e da hostalería reabre e empeza a funcionar o turismo, así que imos ter que aumentar a presión, porque vai haber moita xente que estea disposta a cometer ilegalidades, iso témolo claro. Estamos en previsión de aumentar o persoal do servizo.

-En canto?

-Estamos pendentes de cubrir vacantes, sobre 14 persoas para reforzar as bases que teñen máis escaseza de persoal, porque se as cousas van como deben ir no verán haberá turismo e máis xente e é máis fácil que haxa máis actividade furtiva.

-Coa pandemia e o desemprego que orixinou, notouse algún cambio no perfil do furtivo de Galicia?

-Estamos notando que á praia baixa xente que antes non andaba nestas actividades. Iso nos preocupa porque se a situación económica é mala, é fácil que haxa xente que opte por unha solución rápida e sinxela e que está aí en fronte da casa.

-Xente relacionada co mundo do mar?

-Ou non, estase vendo xente que nunca na vida se dedicou a estas actividades e dan como desculpa que teñen que comer e si que se está notando. Penso que temos que intensificar a vixilancia porque imos ter problemas.

«Xa imos tendo denuncias con penas moito máis serias»

As zonas de maior concentración urbana, onde pode haber máis dificultades económicas, son, para Lino Sexto, puntos quentes do furtivismo.

-Os cacharros do polbo seguen aparecendo nas praias

-É normal cando hai moito temporal. Desgraciadamente séguese a usar esta arte ilegal.

-Antes da pandemia, había bandas organizadas para esconder a ameixa. Iso se logrou parar?

-Seguimos tendo xente que fai do furtivismo o seu medio de vida e ademais con medios tecnolóxicos e con xente para investigar e estar controlándonos a nós para ver por onde andamos. Por iso digo que temos que tratar entre todos que eliminar a comercialización destes produtos, porque se non hai que compre a cuestión é moito máis sinxela de erradicar que andar a correr detrás deles porque é complicado.

-Déronse denuncias que rematasen en xuízos e cárcere? Moitas confrarías se queixan de que os furtivos non lle teñen medo ás multas porque se declaran insolventes.

-Pois si, xa imos tendo na zona da Coruña denuncias con penas máis serias, de ter que apartarse do que é a zona de produción durante tres anos e medio. No cárcere non se meteu a ninguén, pero se lles prohibe estar cerca das zonas de produción e en caso de que incumpran sería un quebrantamento de condena e posiblemente levase aparellado prisión. Están saíndo xa sentencias que implican un pouco máis de pena cas que tiñamos ata agora.

-Pódese dar por erradicado en Galicia o uso da dinamita?

-Penso que si. Hai anos que non vemos maior incidencia neste tipo de actividade, pero nunca se pode descartar que en calquera momento poida aparecer algún iluminado con este tipo de actividades.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

Lino Sexto: «Estase vendo xente que nunca na vida se dedicou ao furtivismo»