Patrocinado porPatrocinado por

A OPP-20 mercará material informático para os centros de ensino da Illa para que «ninguén quede atrás»

Rosa Estévez
rosa estévez A ILLA / LA VOZ

SOMOS MAR

MARTINA MISER

De momento, a entidade subministrará «routers» para o instituto

27 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha porcentaxe das vendas que se rexistran na lonxa da Illa resérvanse, cada ano, para que o sector marisqueiro arousán contribúa ao desenvolvemento de actividades na vila. Antes de que a covid-19 fixese aparición, eses cartos dedicábanse tanto aos clubs deportivos da localidade, como ás festas que salpican o calendario da Illa. Pero, co virus condicionando ata o último dos nosos movementos, as entidades deportivas están a funcionar a medio gas, e o que vai que pasar coas festas é unha incógnita que so o tempo, as vacinas e a curva pandémica poderán despexar. Neste contexto, no que todas as axudas son poucas para case todos os sectores e ámbitos, a OPP-20 da Illa de Arousa tomou unha decisión. «Estivemos mirando que era o que podíamos facer con eses cartos, porque do que se trata é de colaborar coa xente da Illa», explica o presidente da organización de produtores, Juan Rial Millán. E, especialmente, coa rapazada. Despois de barallar varias alternativas, tomouse o acordo de destinar os cartos que antes ían aos clubs deportivos aos dous centros de ensino público que hai na localidade: o colexio Torre e o instituto da Illa de Arousa.

Onte estaba previsto que o presidente da OPP-20 mantivese un encontro cos responsables de ámbolos dous centros para coñecer de primeira man as súas necesidades, pero finalmente foi preciso adiar a reunión cos responsables do de Primaria: parte dos docentes foran convocados para recibir a vacina da covid-19. No instituto tamén faltaron algúns mestres pola mesma razón, pero si se celebrou o encontro. Del saíron os responsables da OPP-20 cunha primeira encomenda: a compra de dous routers con tarxetas duplicadas e acceso sen límite. Para que os precisan? «Para os rapaces que poidan ter que facer corentena, ou que por algunha outra cuestión non poidan asistir ao centro, e que non teñan Internet na casa», explica Juan Rial Millán. Segundo sinalou, malia que o centro ten opción de conseguir eses elementos a través da Xunta, moitas veces a burocracia fai que, para cando chegan, «os rapaces xa estean de volta no instituto». «Dentro do que poidamos axudar, farémolo para que non quede ninguén atrás por non ter Internet», di Rial. Ademais da adquisición destes materiais, a intención é colaborar co instituto para dotar a aula de informática, agora cativa e con ordenadores moi antigos, de novos aparatos.

Polo que respecta á partida que se adoitaba dedicar á organización das festas, dende a OPP-20 sinalan que, desta volta, todo apunta a que a súa finalidade será reforzar as cantidades xa previstas para a adquisición de semente coa que rexenerar os bancos marisqueiros da Illa. Ao fin e ao cabo, todas as axudas que reciba o mar son necesarias.