Patrocinado porPatrocinado por

Perspectivas sobre o consumo de peixe e marisco fresco

Rita González Sestelo SECRETARIA DA FEDERACIÓN GALEGA DE CONFRARÍAS DE PESCADORES

SOMOS MAR

PACO RODRÍGUEZ

28 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

No tempo que estamos a vivir, parece necesario afondar nos cambios das perspectivas que a sociedade galega sería bo que analizase, sobre todo, dende o punto de vista do consumo de peixe e marisco.

A pesca e o marisqueo subministran produto de primeira necesidade porque é alimento, pero temos que poñer en valor a calidade do produto que temos en Galicia e promover hábitos de consumo entre os mais novos.

Segundo o Informe del Consumo de Alimentación en España, publicado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e referido ao ano 2019, a nosa comunidade consumimos máis peixe e marisco que no resto das comunidades de España, pero a clave sobre este consumo é quen consume realmente estes produtos.

O informe amosa que o perfil con máis consumo per capita é o de persoa retirada, que os maiores consumidores teñen mais de 50 anos, e os de menos de 35 foron os que menos peixe e marisco consumiron no ano 2019.

Galicia vendeu nas súas lonxas mais de 270 especies distintas no ano 2020 para consumo humano, este dato da conta da gran variedade de produtos que podemos adquirir para o alimento como sociedade e, sobre todo, a riqueza que temos os galegos na nosa propia comunidade.

A realidade revela que cada vez consumimos menos produto fresco; a redución se amosa progresiva e como tendencia dende hai xa moitos anos podéndose xustificar perfectamente polos atrancos dos hábitos de vida laboral etcétera... Pero esta minoración do hábito de consumo de peixe e marisco leva a pensar nas estratexias que se deben tomar para promover, polo menos no ámbito da nosa comunidade, e entre a mocidade, o consumo habitual destes produtos tan nosos por representar eles o futuro da sociedade.

O confinamento pode ser un bo momento de compartir experiencias culinarias, e estas experiencias serían interesantes de abordar dende a adquisición do propio produto, a limpeza e preparación e o seu desfrute porque todo ese proceso derivará nunha posta en valor polo produto galego. Os galegos temos a fortuna de poder coñecer a procedencia directa dos peixes e mariscos, poder preguntar en que lonxa se adquiriron na peixería, poder visitar a lonxa e comprobar que especies se capturan e poder acercarse ás confrarías a coñecer o sector que traballa no mar. En poucos sitios se pode presumir diso.

Recoñezamos que temos unha riqueza cultural, social e económica e que para os galegos é relativamente sinxelo coñecela e exportala como embaixadores do noso.

Os mozos e mozas galegos que viven a emigración se emocionan ao recordaren os sabores e os costumes da súa terra; incidamos na cultura mariñeira dende o propio produto e tamén dende a forma de vida do que é noso para que sigamos sendo promotores orgullosos do noso pais mariñeiro.