Patrocinado porPatrocinado por

Roberto Fariña: «Debe aumentarse a produción de bivalvo para atender a demanda do mercado nacional»

Ana Gerpe Varela
Ana Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

SOMOS MAR

Martina Miser

O presidente dos depuradores galegos recoñece que obter semente non é doado, pero que os pósitos deben apostar por iso 

21 feb 2021 . Actualizado a las 20:43 h.

Contrariamente ao esperado pola crise sanitaria e o peche da hostalaría, moitas especies de bivalvo están a ter dende hai tempo unhas cotizacións elevadas. No Nadal, ameixa xaponesa e navalla acadaron nas lonxas cotizacións de récord. Incluso nesta época do ano, na que o cocido é o rei das mesas, moluscos como o berberecho manteñen alto o listón. O presidente da Asociación Galega de Empresarios Depuradores de Moluscos (Agade), Roberto Fariña (Cambados, 1972) recoñece que o balance do 2020 non é positivo nin en facturación nin en vendas, pero tamén subliña que agardaban un exercicio practicamente a cero.

—Que saída ten o bivalvo que tan alto se cotiza coa hostalería pechada?

—Coa pandemia aprendemos que pechar a hostalaría é como pechar unha autoestrada e que a circulación teña que ir por outros lados. Cando descendeu o consumo na hostalaría aumentou nas grandes áreas, principalmente en especies como o berberecho, a ameixa xaponesa e o mexillón. Pola contra, variedades como a ameixa fina grande, a babosa ou a ostra son máis propias do sector da restauración e non lograron remontar noutras canles. Agora ben, non debe perderse de vista que houbo unha gran caída en primeira venda. Durante o pasado ano foron 6.465.000 quilos, fronte aos 9.828.000 do 2019.

—E o aumento de prezos?

—Existe un problema enorme, que é a caída da produción. Cando pensabamos que a situación ía ser malísima, os prezos aumentaron de forma inusual. De feito, mentres a caída na produción estivo entre o 35 % e o 40 % no conxunto de Galicia, na facturación foi dun 25 %. Houbo unha forte demanda de determinadas especies e debe aumentarse a produción para atender a demanda do mercado nacional. No Nadal atopámonos con cotizacións elevadas e mercados desabastecidos. A día de hoxe hai países que teñen maior produción e están vendendo máis barato.

—Cal é a fórmula para logralo?

—Unha son os fondos anunciados pola Xunta para que as confrarías poidan mellorar os seus terreos, pero tódolos sectores deben poñer da súa parte. Incrementar a produción de bivalvos require agora de traballos que igual antes non facían tanta falla. Obsérvase nos bancos das Rías Baixas, nos que hai especies que están descendendo de xeito significativo, como as ameixas rubia ou fina. As tarefas de recolección de molusco deben compaxinarse con labores de semente e limpeza. Hai que analizar os datos e valorar os efectos derivados da caída produción, porque Galicia sempre foi o principal centro de abastecemento de bivalvos.

—Fala de sementar, pero é un feito que existe un problema para a consecución de semente

—Entre os integrantes de Agade figura a empresa A Ostreira, que é a principal subministradora de cría de bivalvo. Si é certo que non resulta doado. Un dos proxectos de futuro é fomentar as empresas acuícolas do sector, especialmente en momentos nos que se observa que a cría non se desenvolve como hai anos.

—Fala de proxectos a medio ou longo prazo, e recoñece que é un proceso complexo.

—Toda Europa está demandando semente. O sistema de hacheri non é exclusivo de Galicia. Hai moitas en Francia. Por iso é algo que o sector non debe desatender. De aí a aposta que fai a Administración autonómica de ofertar criadeiros para as confrarías. Eu penso que a maioría dos pósitos están interesados, pero non chega coa semente. É preciso compaxinar iso con outro tipo de accións.

—Afirma que houbo mercados desabastecidos, quen cubre esa demanda non satisfeita?

—Holanda e Francia están a dominar boa parte do mercado con navalla, ameixa e berberecho a prezos máis baixos, tamén Italia, ou Portugal. España é un cliente moi apetecible para todos e hai que entender a situación dos mercados se queremos ser unha potencia europea.

«Áreas como as Rías Baixas son as máis afectadas polo cambio na concesión da ribeira do mar»

Entre as numerosas inquedanzas do sector figura unha batalla emprendida hai tempo para a que aínda non se ve o remate. Trátase da proposta da modificación da Lei de Costas, que suxire unha redución da duración das concesións na ribeira do mar. Nesta disputa co Ministerio para la Transición Ecológica, Fariña converteuse nun dos voceiros do colectivo mar-industria.

—Como valora a noticia de Mar de solicitar ao Goberno central a xestión dos terreos de domino público marítimo-terrestre?

—É unha noticia que o sector aplaude, porque pode ser a única ferramenta para arranxar esta situación. Nós somos ecoloxistas porque vivimos do mar. Mentres Galicia gañe competencias no sector do mar, vai ser positivo.

—Vostedes non falan de instalacións ou empresas afectadas, pero resulta evidente que en zonas como as Rías Baixas o impacto pode ser catastrófico.

—A ocupación no territorio da zona litoral é enorme, especialmente en zonas cun gran desenvolvemento industrial. Áreas como as Rías Baixas son as máis afectadas polo cambio na concesión da ribeira do mar.

—Indica que cantas máis competencias teña Galicia no sector do mar máis positivo pode resultar, como non se intentou antes?

—Mentres existiu unha liña de diálogo aberta entre o ministerio e Galicia parecía que non existía tanta urxencia. O que está a acontecer agora é inadmisible, como un incremento do canon que multiplica por dez o que pagamos pola ocupación da costa. A Administración debe entender as particularidades de Galicia. Incluso, temos empresas cunha tramitación en Madrid que dura anos, iso non pode ser.

—Prevé que poida obterse unha solución a curto prazo.

—Se Madrid continúa coa mesma disposición que ata agora, o camiño para arranxar isto vai ser largo e tortuoso. Hai que ver que resposta da o ministerio e que encaixe pode buscarse.