Patrocinado porPatrocinado por

O mar: sempre presente e con moito futuro

María Calvo OCEANÓGRAFA E ASESORA TÉCNICA DO PROXECTO RELEVO 2020

SOMOS MAR

Alberto Pequeño

13 feb 2021 . Actualizado a las 16:40 h.

Ese olor a marea baixa, a restos de algas en nasas apiladas ou pescado seco nos peiraos, embarcacións de cores chamativas amarradas con longos cabos, esa lancha sen uso que se vai desfacendo co paso do tempo, as cantigas de tabernas mariñeiras ou as estreitas rúas que rematan no mar... Todo iso, recollido polos nosos sentidos, constitúe a nosa historia e a nosa cultura xunto coas persoas que se adican e adicaron a súa vida ao mar.

En Galicia, o sector pesqueiro (pesca, marisqueo e acuicultura) é un estilo de vida, máis aló dun negocio, no que están involucradas varias xeracións de miles de familias que conforman un tecido socioeconómico incriblemente importante que, según datos, xera entre 5 e 6 postos de traballo en terra por cada un no mar.

En Galicia, estamos curtidos en auga salgada; as mulleres e homes adicados aos duros oficios do mar dinse posuidores dun vínculo profundo co medio mariño que vai máis aló dunha simple forma de subsistencia. Nin as inclemencias do tempo nin as condicións oceanográficas ou o estado do mar, que reteñen aos traballadores en terra, ou factores como as choivas, riadas ou toxinas que poden arruinar os seus cultivos e capturas, conseguen que ese vínculo, que esa paixón polo mar, decaia. É unha forma de entender o mundo e unha metodoloxía de vida que se transmite e que conforma o que somos e sentimos os que sentimos o mar!

Noutros tempos, e non tan lonxanos, pensando no futuro próspero, nas duras condicións do mar que ben coñecen, e nos soldos de afamados universitarios (sobre todo médicos, avogados ou enxeñeiros), as persoas do mar non sempre poñían o rumbo dos seus descendentes cara ao negocio familiar; nin marisqueo nin bateas nin pesca de baixura e moito menos de altura constituían o futuro que eles pretendían para os seus fillos e fillas que rematarían estudando o que fose con tal de escapar do mar, aínda que soubesen que sempre estaría aí se o chegasen a necesitar.

Os tempos cambiaron, o sector avanzou e as condicións aínda que pouco a pouco, foron mellorando. Din os veteranos na pesca que a gran altura conta con camarotes propios, Internet e tecnoloxía punta que nada ten que ver coas condicións e traballo físico de antes. Incluso na pesca de baixura os equipos tecnolóxicos que van a bordo son sen dúbida de moita axuda.

A maquinaria tamén aliviou o traballo aos bateeiros que, aínda que seguen tendo e mantendo labores manuais, atrás deixaron aquelo de levantar as cordas a pulso, por exemplo.

Pola súa parte, as mariscadoras, soportadoras do núcleo familiar e de levar un extra á casa, convertéronse en coñecedoras do seu produto e nas primeiras en poñer en valor o seu oficio. Coidan o medio ambiente, respetan os ciclos das especies, limpan e vixían os areais, asisten a xornadas formativas e incluso se aventuran coa diversificación: reciben e atenden a grupos de turistas dando lugar a novos nichos de mercado como o turismo mariñeiro pero sobre todo, poñen en valor o sector, o seu traballo, a súa valía, resaltan os oficios do mar e posicionan a Galicia, a súa terra, recoñecida internacionalmente por eses magníficos mariscos e pescados que saen do súor da xente do mar. Agora aquel extra pode ser un soldo e contribuír máis e mellor ao futuro persoal.

Non podemos esquencer que son moitos máis os oficios que constitúen o sector da pesca: percebeiras e percebeiros coñecen ben a bravura do mar en calquera época do ano e as redeiras contan cun súper poder e é que ata o de agora, ningunha máquina pode cubrir a habilidade que elas teñen e demostran. É por iso que se debe dar a coñecer o sector da pesca. É por iso que debemos valorar e conservar os oficios que o conforman e sobre todo tratar de transmitilos para que non se perdan. Sen dúbida, o relevo xeracional no mar é unha necesidade e debemos traballar na liña de que sexa real e efectivo.

O sector pesqueiro, conformado en grande medida por persoas ás que o oficio lles chegou por herdanza precisa dunha maior especialización e dun traballo en equipo na pirámide industria-administración-sector que permita manter a competitividade e adquirir fortaleza que aporte emprego e riqueza nas zonas costeiras.

As persoas que levan toda a vida no mar aplicaron sen sabelo eso de aprender facendo e así forxaron a súa experiencia e sabedoría. Esa experiencia, da que nos debemos aproveitar, debería ser empregada para formar a persoas que queiran adicarse ao mar e para transmitir e recoller todos os cambios que o paso do tempo e os avances deixaron no sector. Deberiamos ser quen de recoller ese noso patrimonio marítimo e cultural inmaterial.

Aquelo de «como non aprobes vas ao mar todo o verán», empregado por suposto como castigo a quen durante o ano facía que estudaba, xa debería quedar en desuso deixando que cada quen estude e busque traballo no que lle gusta e dando paso no sector pesqueiro a persoas que realmente queiran entrar a formar parte del. Sí, aínda que pareza extrano, hai homes e mulleres que teñen claro que queren formarse e aprender para traballar no mar, no sector primario e queren facelo ben e aportando sempre en positivo. E esto, señores e señoras, é relevo xeracional, é esperanza e deben ter as portas abertas.

O sector primario precisa novos folgos, de xente nova formada que o actualice e posicione acorde cos tempos e todos e todas precisamos ao sector primario, ese co que comeza a cadea alimentaria e que supón unha enorme parte da nosa economía. Temos unha flota pesqueira punteira e sobre todo uns recursos humanos que saben facer e fan e iso precisa ser posto en valor, o sector pesqueiro precisa apostar por sí mesmo e tamén tecer redes de colaboración para que sigan apostando por él.

O traballo da xente do mar tamén pasa por entender que o medio mariño debe ser coidado; na nosa folla de ruta deben estar conceptos de sustentabilidade e conservación que aínda que non se ven, beneficiarannos a todos e todas a longo prazo.

Galicia é tamén punteira en formación marítimo pesqueira, cando menos a nivel estatal. As escolas náutico pesqueiras (Ribeira, Vigo e Ferrol), con titulacións punteiras e equipos docentes ben preparados, son o forno de promocións de xente nova que atopa o seu posto de traballo no sector, facendo labores necesarias e contribuíndo a esa mellora na competitividade. Ao final, todos gañamos: os formados ven recompensado o seu esforzo cun posto de traballo e o sector vese fortalecido apostando por persoas que saben e queren facer.

Actualmente hai demanda de persoas formadas para cubrir postos de traballo en diferentes ámbitos do sector pesqueiro. Hai traballo e por tanto hai futuro. O mar ten futuro e precisa de persoas que queiran facer real o relevo xeracional. Nun mundo de novas tecnoloxías e no que a inmediatez da información, a un clic, marca as nosas vidas, motivar a mozos e mozas a formarte parte dun sector xa establecido e coas súas costumes, non é traballo doado pero é posible e é o reto que se debe afrontar.

Só quen realmente coñece o sector e o medio mariño, o pode defender e apostar pola súa conservación.